O Concello de Lugo abre o aparcadoiro das Gándaras tras investir 15.000 euros na súa reforma

LugoXa
O espazo, cedido pola Subdelegación de Defensa, dará servizo aos seis clubs que adestran no campo e ás numerosas competicións de fin de semana
Aparcadoiro-de-As-Gándaras-Lugo
9 Sep 2025

O Concello de Lugo puxo xa a disposición da veciñanza e dos clubs deportivos o aparcadoiro do campo de fútbol das Gándaras, unha vez concluídas as obras de mellora e acondicionamento executadas en solitario polo Goberno local cun investimento de arredor de 15.000 euros.

As actuacións completan a ampliación da cuberta do campo 2, que aumentou a capacidade da grada destinada ao público. En total, o novo aparcadoiro prestará servizo aos seis clubs que adestran de luns a venres entre as catro da tarde e as once da noite, así como ás competicións de fin de semana.

Nestes días, o campo de fútbol das Gándaras chega a acoller ata 15 partidos entre fútbol 8 e fútbol 11, tanto das ligas locais como das galegas.

VALOR DA ACCIÓN LOCAL

O alcalde, Miguel Fernández, visitou as instalacións acompañado de veciños e veciñas do barrio e de técnicos municipais da área de Deportes, destacando que “con este traballo demos finalmente resposta á demanda dos clubs e equipos que empregan estas instalacións”.

O rexedor puxo en valor o labor do edil de Deportes, Jorge Bustos, quen iniciara hai máis de ano e medio as conversas coa Subdelegación de Defensa, titular dos terreos, para lograr a súa cesión e facer posible a reforma.

As xestións comezaron en xaneiro de 2024 e culminaron en febreiro deste ano cun acordo coa Subdelegación de Defensa. En maio, o Concello obtivo a certificación urbanística necesaria para legalizar o estacionamento e formalizouse a cesión temporal dos terreos. A partir de aí, procedeuse á licitación das obras, que finalmente se puxeron en marcha o 11 de agosto e permitiron estrear o aparcadoiro co inicio da tempada de fútbol.

⚙ Configurar cookies
0.16660499572754