O Concello de Lugo abre o prazo para participar no Mercado de Nadal 'Nadalmente Lucense'

LugoXa
“Un dos obxectivos principais é garantir a participación equitativa e a diversidade de produtos en cada quenda, para que tanto os comerciantes coma o público poidan desfrutar dunha experiencia única"
Mercado-de-Nadal-de-Lugo
22 Nov 2024

O Concello de Lugo abre o prazo para participar no Mercado de Nadal 'Nadalmente Lucense', que terá lugar na Praza Maior do 5 de decembro ao 5 de xaneiro. Este evento, consolidado como un dos puntos de referencia das festas na cidade, busca dinamizar o comercio de proximidade e converter o centro nun espazo cheo de vida e ilusión.

O Mercado de Nadal contará con casetas decoradas, iluminación especial e un horario amplo: de 11,00 a 14,30 e de 16,30 a 21,00 horas, excepto os días 24 e 31 de decembro, con horario reducido ata as 14,30 horas, e os días 25 e 1 de xaneiro, cando permanecerá pechado.

O concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, destacou o impacto positivo deste mercado para o comercio local: “Queremos que este Nadal, os negocios de Lugo teñan unha plataforma única para exhibir a calidade e variedade dos seus produtos. Ademais, contribuímos a facer da nosa cidade un referente en experiencias navideñas”.

Ademais, o edil puxo en valor “o traballo constante que levamos a cabo dende o Goberno local para impulsar iniciativas de apoio ao comercio de proximidade, tanto en datas sinaladas como en outros momentos de menor intensidade nos que é importante desestacionalizar a demanda”. “Para este executivo é fundamental respaldar este sector estratéxico, xerador de emprego e motor da cidade”, concluíu.

Os interesados en participar deberán presentar a súa solicitude antes do 27 de novembro a través da sede electrónica do Concello ou presencialmente no rexistro municipal. Alternativamente, tamén poderán rexistrarse noutras administracións, sempre que envíen unha copia ao correo electrónico cei@lugo.gal.

As solicitudes admitiranse para diferentes quendas semanais: quenda 1, do 5 ao 15 de decembro; quenda 2, do 16 ao 22 de decembro; quenda 3, do 23 ao 29 de decembro; e quenda 4, do 30 de decembro ao 5 de xaneiro.

“Un dos obxectivos principais é garantir a participación equitativa e a diversidade de produtos en cada quenda, para que tanto os comerciantes coma o público poidan desfrutar dunha experiencia única en cada visita ao mercado”, afirmou Repetto.

Repetto concluíu animando á participación: “Cada negocio que se sume contribúe a facer máis especial esta época. O Nadal é unha ocasión para celebrarmos o talento local e fortalecermos o comercio de proximidade, dando á Praza Maior o protagonismo que merece como punto de encontro”.

Integración das asociacións no Mercado de Nadal

O Concello de Lugo reservará un espacio no Mercado de Nadal para as asociacións e colectivos sociais de Lugo, na procura dunha maior inclusión e de máis visibilidade tanto do seu labor como da súa actividade, favorecendo ao mesmo tempo unha maior integración co tecido empresarial e social de Lugo.

Así o explicou a concelleira de Benestar Social e Maiores, Olga López Racamonde, aos representantes destes colectivos, que traballan polo benestar e a inclusión. “Nun primeiro momento, acordouse que estes colectivos se trasladarían á praza Anxo Fernández Gómez, pero ante a imposibilidade de realizar o convenio necesario a tempo para esta actividade segundo os novos criterios dos técnicos municipais, presentamos a alternativa de potenciar a integración destas asociacións no mercado Nadalmente Lucense, o que permite estar moitos máis días, facelo nun emprazamento que vai atraer a máis xente e, polo tanto, dar máis visibilidade tanto ao traballo como o labor que desempeñan estes colectivos”, sinalou Olga López Racamonde.

A Concellería de Benestar Social e Maiores porá a disposición destes colectivos un posto exclusivo durante os 32 días citados, cun horario moito máis amplo do que tiñan ata de agora. Pola mañá estará aberto de 11.30 a 14.00 horas, mentres que pola tarde o horario establecido é de 16.00 a 21.00 horas.

A concellería que dirixe Olga López Racamonde ofrecerá, a maiores deste espacio privilexiado e das actividades recreativas do propio mercado de Nadal, un servizo de dinamización específico para asistir de forma exclusiva ás asociacións do eido social, prestando o seu apoio presencial durante o horario completo de apertura do mercado, para traballar na difusión e divulgación das súas actividades; axudar á venda dos seus produtos e asistir naqueles aspectos que as propias asociacións precisen.

A procura dunha maior integración e visibilización destes colectivos é unha das prioridades da Concellería de Benestar Social. Por iso, ademais do stand do Naldalmente Lucense, López Racamonde explicou que “paralelamente, se porá a disposición das asociacións lucenses durante o mesmo período de Nadal o local municipal do viveiro de empresas da Tinería, que deberán solicitar previamente para utilizar por quendas. Todos estes colectivos poderán dispoñer deste local, situado nunha contorna privilexiada, na praza Recanto do Miño, que servirá de escaparate para dar a coñecer o traballo que realizan e de xeito especial para axudar na venda e comercialización das súas propias elaboracións”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18046498298645