O Concello de Lugo abre o prazo para solicitar a celebración das cacharelas de San Xoan

LugoXa
O Concello de Lugo abre o prazo para solicitar a celebración das cacharelas de San Xoan. As solicitudes están na Policía Local,
fogata hogueira san xoan
13 Jun 2023

O Concello de Lugo abriu o prazo de solicitude para a organización das cacharelas de San Xoán.

Unha tradición con moito apego na capital que se revalida e que, nesta ocasión, resulta coincidente coa celebración do Arde Lvcvs.

A rexedora local, Lara Méndez, anunciou que “a Administración local comezará a conceder dende esta xornada os permisos para que todas aquelas parroquias ou barrios do municipio que o desexen poidan festexar, o venres, 23 de xuño, o Lume Novo”, ao tempo que recordou que, en 2022, a cidadanía lucense presentou en torno a 400 instancias.

Os colectivos ou particulares interesados poden acceder aos formularios na sede da Policía Local e solicitalos até ese mesmo día, segundo recolle o bando ditado pola Alcaldía e publicado no Boletín Oficial da Provincia esta mesma mañá.

Un documento no que se indican as normas ás que deben axustarse as fogueiras e no que se contempla a prohibición da queima de rodas e cubertas de goma, plásticos ou calquera derivado de hidrocarburos, así como de materiais ou produtos contaminantes, fedorentos ou tóxicos. Tampouco estará permitido lanzar foguetes.

Tal e como sinala o texto, os lumes deberán afastarse de localizacións nas que existan liñas eléctricas, inmobles, zonas verdes ou xardíns e tampouco poderán realizarse no Centro Histórico nin en emprazamentos que entrañen algún tipo de perigo para a poboación.

Ademais, as persoas responsables das mesmas deberán, á súa finalización, retirar do lugar da celebración todos os restos que queden unha vez rematado o evento coa advertencia de que, en caso de incumprimento dalgún destes termos, o Servizo de Extinción de Incendios, a requirimento da Policía Local, procederá a apagala de inmediato.

0.16543102264404