O Concello de Lugo abre o prazo para solicitar as axudas para libros e material escolar

O Concello de Lugo vén de abrir o prazo para solicitar as axudas dirixidas á compra de libros de texto e material escolar para familias con baixos recursos, segundo informou a concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide. A edil sinalou que “seguimos a traballar na mellora dos tempos deste trámite, que este ano contamos con ter rematado de cara ao inicio do curso escolar” e destacou que “desde a concellería de Educación esforzámonos en facilitar ás familias, no menor prazo de tempo posíbel, esta axuda que serve para garantir o acceso ao material a moitas nenas e nenos”.
Como novidade este ano, poderanse incluír nas axudas elementos como botellas de auga reutilizables ou xogos específicos para alumnado con determinadas dificultades, sempre que sexan solicitados polos centros e acompañados dun informe xustificativo. Estas medidas diríxense ao alumnado do segundo ciclo de Educación Infantil matriculado en centros sostidos con fondos públicos do municipio. Quedan excluídos artigos como vestiario, xoguetes, paraugas ou outros obxectos alleos á actividade escolar.
A concellería pon en marcha un total de 400 cheques de 100 euros, cun orzamento global de 40.000 euros. A renda per cápita anual da unidade familiar será o único criterio de baremación, cun límite fixado no 85% do IPREM. Neste exercicio tramitáronse un total de 723 solicitudes.
As bases publicáronse onte no Boletín Oficial da Provincia, abríndose así un prazo de 15 días naturais para presentar as solicitudes, ata o 4 de xullo, ben presencialmente ou a través da sede electrónica. “Simplificamos o máximo posible o procedemento para garantir que as axudas se poidan entregar no menor tempo posible”, asegurou Buide.