O Concello de Lugo abre o prazo para solicitar as Bolsas Municipais ao Talento Deportivo 2025

O Concello de Lugo vén de abrir o prazo de solicitude das Bolsas Municipais ao Talento Deportivo 2025, unha convocatoria impulsada pola Área de Deportes e Xuventude coa que o Goberno local quere recoñecer o esforzo, a dedicación e a capacidade de superación das e dos deportistas máis novos do municipio.
Estas axudas contan cunha dotación total de 26.000 euros e poderán solicitarse durante dez días hábiles a partir do día seguinte á súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.
O concelleiro de Deportes e Xuventude, Jorge Bustos, explicou que “estas bolsas buscan apoiar á mocidade deportista lucense que, ademais de destacar no ámbito deportivo, transmite unha mensaxe de superación que resulta inspiradora para toda a sociedade”. Engadiu que o obxectivo é “facilitar que as e os mozos deportistas poidan seguir desenvolvendo o seu talento sen renunciar ao reforzo académico que necesitan para o seu futuro”.
As Bolsas Municipais ao Talento Deportivo Individual están dirixidas a persoas federadas e empadroadas en Lugo, nadas entre 2006 e 2011, sen límite de idade no caso de deportistas con diversidade funcional. Poderán optar a elas quen acredite resultados destacados durante o ano 2024 en competicións oficiais de ámbito autonómico ou nacional. Entre os criterios de valoración teranse en conta os resultados en campionatos de España —do primeiro ao oitavo posto— e de Galicia —do primeiro ao terceiro—, así como a superación do curso académico 2023/2024. Ademais, valorarase positivamente ser deportista feminina ou con diversidade funcional, factores que sumarán puntuación adicional.
A contía máxima por beneficiario poderá acadar os 1.500 euros, segundo os méritos acreditados e o número total de solicitudes admitidas. Bustos destacou que “o compromiso do Goberno local é garantir as condicións necesarias para que as novas xeracións sigan alcanzando os seus soños, ofrecéndolles o respaldo económico e institucional que precisan”.
Desde a súa creación no ano 2008, preto de 700 deportistas lucenses beneficiáronse destas axudas, que se consolidan como unha das principais ferramentas municipais de apoio ao talento deportivo individual. As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Concello de Lugo ou a través da sede electrónica, empregando os medios previstos na Lei 39/2015.