O Concello de Lugo abusa dos contratos menores, segundo Ciudadanos

LugoXa
A formación laranxa denuncia o abuso deste tipo de contratos por parte do goberno local, a pesares de apercibimentos do interventos
8 Feb 2021

O grupo municipal de Ciudadanos no Concello de Lugo denuncia o "absoluto descontrol" co que actúa o goberno local en relación aos contratos menores. Aseguran que o goberno local "abusa" desta figura "utilizándoa de forma torticera malia os apercibimentos do interventor".

Segundo explica a voceira da formación laranxa en Lugo, Olga Louzao, nos contratos de 2020 teñen detectado "evidentes particións" en conceptos como servizo de comedor, cociña e lavandería ou seguridade."Agora entendemos a resistencia a facer públicos estes contratos e o atraso na publicación dos mesmos que, por outra banda, non se produciría si non fora pola denuncia do noso grupo ante a Valedora do Pobo", sinala Louzao.

Como exemplo, cita distintos contratos "adxudicados a unha mesma empresa entre maio e setembro do ano pasado" en concepto de servizo de comedor, cociña e lavandería para os centros escolares de Serra de Outes e Gregorio Sanz. Ciudadanos preguntará ao goberno local "a que se debe ese fraccionamento", nun total de 10 contratos que sumarían un importe superior aos 77.000 euros.

«Descoñecemos a que se debe este fraccionamento indebido do gasto e censuramos a práctica reiterada tanto polo PSOE como polas áreas dirixidas polo BNG. A formación nacionalista repartiu desde as áreas de Infraestruturas e Cultura no 2020 parte do seu orzamento, en concreto 342.331 euros, entre as mesmas nove empresas nun total de 88 contratos menores. Algo rexeitable e especialmente grave pola impunidade coa que se produce, no que representa a antítese do racionamento do gasto e supón unha sangría económica para as arcas municipais», denunciou a edil da formación laranxa.

Olga Louzao asegura que o mesmo "sinsentido" se repite no servizo de seguridade. "En vez de sacar un so contrato único por horas para esta tarefa, ao longo do último semestre de 2020 e nestes dous primeiros meses de 2021 gastáronse 105.900 euros en 20 contratos menores adxudicados a  dúas empresas".

Desde Ciudadanos aseguran que intentarán "limitar na medida do posible" este “despilfarro” involucrando "as institucións necesarias na supervisión da labor política e denunciando ante distintos organismos unha práctica que no pretende outro fin que satisfacer a afines para manter o poder".

0.16512989997864