O Concello de Lugo achega á mocidade unha nova edición do Ciclo de Adiccións sen Substancia

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Xuventude e en colaboración co Plan Nacional sobre Drogas, organiza unha nova edición do Ciclo de Adiccións sen Substancia, unha actividade formativa e divulgativa incluída no programa +XTi e xa consolidada na axenda anual municipal. As sesións terán lugar os días 10, 17, 24 e 30 de xuño no salón de actos do Vello Cárcere, ás 19:00 horas, con entrada libre ata completar aforo.
Dirixido principalmente á mocidade lucense, o ciclo tamén está pensado para familias, persoal docente, profesionais da saúde mental e colectivos sociais que traballan coa xente nova. A programación aborda temas de especial sensibilidade como a presión estética e social, a adicción ao xogo ou á pornografía, o impacto emocional das redes sociais ou a medicalización do malestar.
“O noso obxectivo é ofrecer espazos que conecten coa realidade da mocidade e que contribúan a identificar condutas de risco que moitas veces pasan desapercibidas”, explicou o concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, quen destacou a calidade das sesións, “cunha carga emocional e práctica moi potente”, e impartidas por especialistas de recoñecida traxectoria a nivel estatal.
O ciclo comezará o martes 10 de xuño cun relatorio a cargo de Celia Menéndez Caravia, residente de Psicoloxía Clínica no HULA, que falará sobre os factores sociais e emocionais que condicionan a saúde mental da mocidade baixo o título E se o sufrimento tivese algo que dicirnos?
O luns 17, Héctor Méndez Fernández, psicólogo da Garda Civil de Lugo, ofrecerá unha charla centrada na Adicción ao porno, analizando a súa influencia na percepción das relacións e a súa vinculación con fenómenos como a violencia dixital ou a pornovenganza.
O ciclo continuará o 24 de xuño cunha intervención de Álvaro García del Castillo, vicedecano da Universidade Miguel Hernández e director do Instituto de Investigación en Drogodependencias, que exporá unha visión global sobre as adiccións comportamentais, como o xogo patolóxico ou o uso abusivo das redes sociais.
A sesión de peche terá lugar o luns 30 e correrá a cargo de Pablo Ojeda Jiménez, psiconutricionista, divulgador e autor de Cuando me alimenté del juego, quen compartirá a súa experiencia persoal de caída e recuperación fronte á ludopatía nun testemuño honesto e inspirador.