O Concello de Lugo acondiciona o Circuíto Municipal Jorge Prado para acoller o Mundial de Motocrós

LugoXa
Para levar a cabo estes traballos, mobilizáronse seis operarios da brigada do Rural e dous da do Parque Móbil, que veñen traballando desde comezos da semana
Obras-brigada-rural-Círcuíto-Jorge-Prado-Lugo
2 May 2025

As pistas de acceso ao Circuíto Municipal Jorge Prado están a ser acondicionadas para albergar o aparcamento de vehículos e mellorar as zonas reservadas aos servizos de emerxencias, de cara á celebración do Gran Premio de España do Mundial de Motocrós, os vindeiros días 10 e 11 de maio.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e a responsable da área de Cohesión Territorial, Ana González Abelleira, visitaron as instalacións nas que se están a realizar importantes labores de mantemento. As actuacións céntranse no arranxo do asfaltado e na roza das pistas que circundan o circuíto, nunha superficie duns 20 hectáreas, e está previsto que finalicen a finais desta mesma semana.

Para levar a cabo estes traballos, mobilizáronse seis operarios da brigada do Rural e dous da do Parque Móbil, que veñen traballando desde comezos da semana no perímetro e no interior do circuíto. Os labores inclúen un triple tratamento de asfaltado e a roza da vexetación, empregando maquinaria especializada como un pisón compactador eléctrico, camións dumper, de transporte de bituminosa e gravillador, así como unha varredora eléctrica e un tractor de roza. Nas zonas de máis difícil acceso, realizouse tamén roza manual.

Estes traballos foron desenvolvidos en coordinación co Motopark Lugo, o club concesionario do circuíto, que trasladou ao Concello as necesidades principais para garantir a posta a punto da infraestrutura ante este evento deportivo de proxección internacional.

⚙ Configurar cookies
0.13730502128601