O Concello de Lugo acondicionará 22 sendas no entorno rural e urbano municipal
O Executivo de Paula Alvarellos acondicionará 22 sendas no entorno rural e urbano do Concello de Lugo con cargo ao Plan de Sostibilidade Tutística, 'Et edendo, Lucus: un percorrido histórico pola enogastronomía'.
Así o avanzou a rexedora, quen explicou que “o obxectivo desta iniciativa é crear unha serie de rutas, adaptadas a todas as idades e condicións físicas, a través dos que tanto a veciñanza lucense como as persoas que nos visiten poidan coñecer o noso rico patrimonio histórico, cultural, paisaxístico e, como non, gastronómico. Deste xeito, as sendas propostas, que contarán con diferentes distancias –dende un quilómetro e medio a máis curta, ata 35 quilómetros a máis longa– percorrerán enclaves estratéxicos do municipio, permitindo aos camiñantes coñecer os principais reclamos turísticos de Lugo, ao tempo que disporán dun compoñente enogastronómico, coa Fábrica da Luz –sede do futuro centro enogastronómico da cidade– como lugar de referencia”, explicou.
A iniciativa levarase a cabo en dúas fases, tal e como explicou a rexedora. “Nunha primeira estamos a traballar na xeolocalización dos roteiros e o análise o seu estado actual, ao tempo que se están a dar pasos para a súa homologación; mentres que será na segunda fase cando se leven a cabo os labores de acondicionamento das sendas, mediante a súa sinalización e a realización de diferentes traballos de mellora para garantir o óptimo estado das mesmas”.
O proxecto contará cun orzamento de aproximadamente 150.000 euros, dentro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) "Et Edendo, Lucus: Un percorrido histórico pola enogastronomía". Este enmárcase dentro da Estratexia de Sostibilidade Turística en Destinos (ESTD), do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado con Fondos NextGenerationEU.
A través desta estratexia, o Concello de Lugo busca non só mellorar a oferta turística, senón tamén promover a conservación e valorización do seu patrimonio enogastronómico.
As accións incluídas no PSTD abordan diversas áreas, desde a mellora de infraestruturas ata a formación e promoción, co fin de crear un destino turístico sostible e atractivo.
O obxectivo principal deste plan é converter Lugo nun referente gastronómico e cultural, atendendo ao forte compoñente histórico da cidade, mediante a transformación do sector e a xeración de produtos e experiencias turísticas innovadoras que xeren un relato singular que achegue valor para os turistas.
Outra das súas principais finalidades será aproveitar ese impulso para a xeración de emprego, mediante a creación de empresas e proxectos que poñan en valor os recursos gastronómicos, culturais e medioambientais, facendo de Lugo un destino competitivo a nivel nacional e internacional cunha demanda non estacional.
Por último, busca redefinir o modelo de desenvolvemento turístico, cara un patrón máis sostible, reducindo a pegada de carbono nas actividades turísticas e acelerando os procesos de dixitalización do sector.