O Concello de Lugo acorda co colectivo de distribuidores as localizacións das zonas de carga e descarga

LugoXa
Así, unha vez entre en funcionamento a ZBE, pasaríase das 13 localizacións actuais a un total de 21 distribuídas de forma estratéxica por todo o centro
obras_centro_lugo
21 Nov 2024

O Concello de Lugo acorda co colectivo de distribuidores as localizacións das futuras zonas de carga e descarga que se establecerán no Centro Histórico unha vez concluído o proxecto Corazón Verde a través do que o Executivo local está peonalizando e humanizando as contornas de Santo Domingo, Praza de Ferrol e Montevideo.

No marco dese proceso de colaboración, que se iniciou cunha visita conxunta da alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, cos responsables de Adis Lugo para recoller as propostas do colectivo, técnicos municipais e membros da xefatura da Policía Local realizaron outra visita de carácter técnico cos representantes do colectivo para avaliar as localizacións propostas.

Deste xeito, os distribuidores puideron comprobar as novas localizacións proxectadas, ás que deron a súa conformidade. Así, unha vez entre en funcionamento a ZBE, pasaríase das 13 localizacións actuais a un total de 21 distribuídas de forma estratéxica por todo o centro.

Ás xa existentes en Santo Domingo, Rúa Nova, Luis Peña Novo, Praza da Soidade, zona Tinería, Praza Pio XII, Praza Fernando Casas Novas, Campo Castelo, Montevideo, Bolaño Rivadeneira, Quiroga Ballesteros e San Froilán, uniranse novos puntos co visto bo dos distribuidores en Antón Fraguas, Tuñas Bouzón, María Balteira, Xoan Montes, Castelao, Nóreas, San Fernando e Praza Anxo Fernández Gómez.

Así mesmo, durante o transcurso da visita, a preguntas dos propios distribuidores, os técnicos municipais facilitaron información sobre a proposta municipal na que se traballa para establecer os horarios de carga e descarga na nova ordenanza.

Deste xeito, o novo horario quedaría fixado de luns a sábado de 8.00 horas a 11.00 horas e, a maiores, os martes e os xoves desde as 15.30 horas ás 17.30 horas. Tanto a franxa de mañá como a de tarde, aínda abertas a posibles modificacións, permitirían compatibilizar os distintos usos e  actividades que levan a cabo o zona de intramurallas.

Por outra banda, consultados sobre as limitacións de acceso por tonelaxe, trasladouse que, tal e como recolle o proxecto, os límites establécense nalgunhas zonas en 3.500 kg salvo servizos excepcionais con autorización previa.

De todos os xeitos, os técnicos municipais transmitiron aos distribuidores que o Concello está aberto a suxestións e valorará incorporar aquelas achegas que non entren en conflito coa normativa existente.

De feito, durante o encontro, lembrouse que neste momento está aberto un proceso de participación cidadá dentro da elaboración do texto da ordenanza que regulase a ZBE onde todos aqueles particulares ou colectivos poden realizar as súas achegas.

0.19525218009949