O Concello de Lugo activa un amplo operativo de seguridade para o Caudal Fest 2025

LugoXa
O dispositivo contará con reforzo policial, bombeiros, protección civil e coordinación entre administracións para garantir un festival seguro
Xunta-de-Seguridade-Caudal-Fest-Lugo
8 Sep 2025

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, copresidiron a Xunta Local de Seguridade convocada con motivo da celebración do Caudal Fest, que terá lugar os días 19 e 20 de setembro na contorna fluvial do Miño.

Na reunión concretáronse os medios e recursos que conformarán o operativo especial, que mobilizará diferentes áreas municipais e contará co apoio das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

O dispositivo estará activo durante toda a fin de semana co obxectivo de garantir a seguridade cidadá, manter a orde pública e regular o tráfico, ademais de atender posibles incidencias no recinto e na súa contorna.

Miguel Fernández salientou que “Lugo acolle unha das grandes citas musicais do país cun operativo coordinado para gozar do festival con seguridade e responsabilidade”. O rexedor subliñou tamén que o esforzo conxunto de todas as administracións permitirá que a cidade se consolide como referente cultural e musical, ofrecendo á veciñanza e visitantes as mellores condicións para desfrutar dun evento multitudinario con tranquilidade.

O dispositivo municipal contará con seis patrullas da Policía Local e unha unidade de atestados para reforzar a seguridade viaria. O Corpo de Bombeiros ampliará a 15 os efectivos dispoñibles no parque e destinará dúas dotacións específicas para intervir directamente no festival durante os momentos de maior afluencia. Así mesmo, Protección Civil colaborará coa posta en marcha da sala de control de operacións e do posto de mando avanzado, desde onde se coordinarán todos os medios despregados para asegurar unha resposta rápida ante calquera eventualidade.

Desde a Subdelegación do Goberno confirmouse que a Policía Nacional, a Agrupación de Tráfico da Garda Civil e a Policía Adscrita reforzarán a súa presenza, coordinándose cos servizos municipais para garantir o correcto desenvolvemento do festival, con especial atención aos accesos e ás zonas con maior concentración de persoas.

O alcalde incidiu en que “a colaboración entre administracións é esencial para que Lugo proxecte ao exterior unha imaxe segura e acolledora, capaz de atraer visitantes e consolidar eventos que deixan unha pegada positiva na cidade”.

⚙ Configurar cookies
0.17341303825378