O Concello de Lugo activa un Plan Especial de Tráfico polo Arde Lucus 2025

O Concello de Lugo vén de poñer en marcha un Plan Especial de Tráfico con motivo da celebración do Arde Lucus 2025, que terá lugar entre os días 12 e 15 de xuño nas rúas e espazos públicos da cidade. O dispositivo contempla cortes e restricións puntuais que afectan a distintas zonas, segundo o calendario de actividades e a previsión de asistencia masiva de público.
O obxectivo do operativo é compatibilizar o normal funcionamento da cidade cun evento que cada ano congrega a milleiros de persoas, polo que o Concello fai un chamamento á cidadanía para que planifique os seus desprazamentos, empregue o transporte público sempre que sexa posible e siga as indicacións dos corpos de seguridade.
O xoves 12 de xuño, a partir das 20:30 horas, cortarase o tráfico nas dúas marxes da Ponte Romana coincidindo coa chegada das lexións romanas. Desde as 8:00 horas tamén se restrinxirá a circulación na Avenida Ramón Ferreiro, entre a rúa Salvador de Madariaga e a glorieta Xaquín Lorenzo, zona na que se instalarán postos de restauración e que permanecerá pechada ata o luns 16.
O venres 13 de xuño, a Rúa Quiroga Ballesteros e a Praza de Santo Domingo converteranse en espazo de alta concentración peonil e acollerán o inicio e final dos espectáculos itinerantes, polo que o tráfico será desviado cara á Rúa San Marcos durante os días 13, 14 e 15.
O sábado 14 aplicarase un amplo operativo de restricións. Desde as 7:00 horas ata o domingo ás 12:00 horas prohibirase o estacionamento na Rúa Anxo López Pérez e, desde o día 6, na súa marxe dereita entre o acceso ao aparcadoiro municipal e a Avenida Ramón Ferreiro. A partir das 18:00 horas cortarase tamén ao tráfico esta avenida por mor do Asalto ao Monte Medvlio, establecendo entrada e saída alternativa ao aparcadoiro da Praza da Constitución pola Rúa Cidade de Vigo. Reservaranse tamén espazos de estacionamento para autobuses en Rúa Catasol. Ás 18:00 horas celebrarase o Circo Romano na explanada do Palacio Municipal de Deportes, con restricións de tráfico na contorna e traslado do estacionamento de autocaravanas a San Fiz. Pola noite, ás 20:30 horas, a Ronda da Muralla acollerá o desfile tradicional de tropas e tribos, permanecendo pechada ao tráfico entre as 20:00 e as 21:30 horas.
Finalmente, o domingo 15, terá lugar ás 11:30 horas o desfile dos colexios, que partirá da Praza de Santo Domingo e percorrerá a Praza Maior, a Praza da Mosqueira e a Ronda da Muralla ata a Porta de San Fernando. Durante o evento, cortarase tamén o tráfico nesta zona.