O Concello de Lugo activará un novo Plan de Tráfico na Praza de Santo Domingo

O Concello de Lugo porá en marcha este luns un novo Plan de Tráfico na Praza de Santo Domingo co obxectivo de continuar cos traballos de pavimentado na contorna da Igrexa e o convento.
Debido a estas melloras, que requiren o uso completo da calzada, procederase ao corte do tránsito de vehículos na zona afectada. As actuacións previstas garantirán unha maior durabilidade do espazo e optimizarán as condicións de circulación.
O plan de tráfico deseñado permitirá que os vehículos que saian do aparcadoiro subterrráneo, os residentes e os servizos autorizados poidan circular a través do itinerario comprendido entre a intersección con Rúa da Raíña e a rúa Armañá.
Esta vía, recentemente pavimentada, transcorre fronte aos inmobles situados entre os números 20 e 28 da Praza de Santo Domingo, espazo previsto no proxecto para este fin.
Para facilitar o tránsito e asegurar o cumprimento das novas medidas, a Policía Local reforzará a súa presenza nos puntos estratéxicos desta reorganización viaria.
O Concello lembra que só está permitido o acceso ao Centro Histórico a vehículos autorizados, como residentes, usuarios de aparcadoiros, servizos, emerxencias ou aqueles con permiso especial.
Esta medida enmárcase dentro da planificación da futura Zona de Baixas Emisións, que busca mellorar as condicións de seguridade e confort peonil no casco histórico da cidade.