O Concello de Lugo actualizará a base de datos das persoas que operan en zonas peonalizadas
O Concello de Lugo iniciará un proceso preliminar de actualización da base de datos para regular o acceso de vehículos ao Centro Histórico e poñer en marcha mecanismos de control do tráfico nas zonas recentemente peonalizadas (O Carme, Recatelo, Calzada da Ponte, Mosqueira e barrio da Milagrosa: rúa Menorca e Pintor Luis Seoane, entre outras).
O obxectivo desta iniciativa é simplificar a residentes, persoas usuarias e empresas que operan nestas zonas a tramitación administrativa para así, no momento que corresponda, axilizar a concesión das autorizacións oportunas.
“Atendendo á nova configuración urbanística que presentará o recinto amurallado trala súa peonalización e humanización integral e ás restricións ao tráfico rodado inherentes á normativa que rexe as Zonas de Baixas Emisións, temos a vontade de traballar e actuar con previsión para dispoñer da base de datos oportuna que posibilite a concesión destas autorizacións”, sinalou a rexedora de Lugo, Paula Alvarellos.
A atención ao público arrincará o próximo luns día 30 e o servizo terá unha duración de tres meses, durante os que cinco auxiliares administrativos realizarán as tarefas que permitan avanzar neste proceso de consulta de datos; catro desempeñarán o seu labor desde as dependencias de Novas Tecnoloxías, na parte traseira da Casa do Concello, mentres que outro auxiliar operará desde a Unidade de Mobilidade da Policía Local, en San Fiz.
“O obxectivo é traballar coa máxima previsión posible para acompasar o remate das obras, coa aprobación da nova Ordenanza e a declaración do Centro Histórico como zona de baixas emisións dispoñendo de todo o necesario coa suficiente antelación e planificación para que a súa implantación sexa o máis sinxela e áxil posible”, concluíu Paula Alvarellos.