O Concello de Lugo adquire dous novos furgóns industriais modelo L2H2
O Concello de Lugo adquire dous novos furgóns industriais modelo L2H2 para a brigada de Vías e Obras co fin de apostar pola mellora dos servizos municipais.
Estes vehículos de nova fabricación “responden á necesidade de renovar a flota destinada ao transporte de materiais e maquinaria para a realización de reparacións nas vías públicas do casco urbano”, explicou o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas.
O edil destacou que esta modernización da flota “é clave para garantir un servizo máis eficiente e eficaz, xa que estes vehículos permitirán mellorar a capacidade de resposta da brigada, reducindo tempos de intervención e incrementando a calidade das actuacións”.
Tamén subliñou a importancia do traballo da brigada, que realiza máis de 1.000 actuacións ao ano, contribuíndo de xeito decisivo á conservación e mantemento das infraestruturas.
O importe do contrato é de 78.475,56 euros, incluíndo todos os custos asociados á entrega dos vehículos matriculados e legalizados.