O Concello de Lugo adquirirá parcelas no barrio do Castiñeiro para distribuír mellor a vivenda protexida na cidade

LugoXa
O alcalde, Miguel Fernández, subliñou que é esencial garantir o dereito constitucional a unha vivenda digna, especialmente para os sectores con menos capacidade económica
Miguel-Fernández-O-Castiñeiro-Lugo
17 Mar 2025

O Concello de Lugo aprobará na súa Xunta de Goberno local, que se celebra o mércores, o convenio que permitirá adquirir a titularidade de dúas parcelas propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) no barrio do Castiñeiro.

Este acordo co Goberno autonómico ten como obxectivo evitar a concentración de vivenda de protección social nesta zona da cidade e promover un modelo de distribución máis equilibrado deste tipo de vivenda por toda a trama urbana.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacou que esta negociación responde á intención do Concello de atender as demandas veciñais e a súa disposición para traballar de xeito colaborativo co Goberno autonómico para reverter o grave déficit de vivenda pública que afecta á cidade. "A nosa vontade é seguir a traballar con determinación para que Lugo prospere e poida dar resposta á longa listaxe de lucenses demandantes de vivenda", afirmou o rexedor.

Para facilitar a adquisición destes terreos, o Concello cederá un total de seis parcelas distribuídas en varias zonas da cidade, seleccionadas polo ente autonómico a partir dunha ampla listaxe elaborada polos técnicos municipais. As parcelas cedidas polo Goberno local inclúen tres no Polígono 4 da Avenida Infanta Elena, unha en Paradai de Arriba, outra na rúa Illa Coelleira e unha última na intersección das rúas Ángelo Colocci e Lavandeira.

O valor global das seis parcelas municipais cedidas, que é similar ao das parcelas do IGVS que se adquiren no Castiñeiro, ascende a 4.788.919,08 euros. As parcelas do IGVS teñen un valor económico de 4.730.235,96 euros, resultando nunha diferenza de 58.683,12 euros, que o IGVS se compromete a abonar ao Concello de Lugo.

O alcalde subliñou que é esencial garantir o dereito constitucional a unha vivenda digna, especialmente para os sectores con menos capacidade económica, como a mocidade. "É necesario que o Goberno autonómico asuma as súas competencias e poña fin á parálise de 15 anos sen avances significativos na vivenda pública en Lugo", engadiu. O rexedor tamén destacou a importancia de que o Goberno autonómico faga un uso do solo adecuado ao interese xeral, combatendo a especulación e actuando como regulador do mercado inmobiliario e mellorando a calidade ambiental da cidade.

Este acordo marca un paso importante no compromiso do Concello de Lugo para mellorar o acceso a vivenda protexida na cidade e mellorar a súa distribución por todo o municipio.

⚙ Configurar cookies
0.13714194297791