O Concello de Lugo adxudica comedores escolares e anuncia melloras en seguridade viaria

LugoXa
O tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, informou dos acordos aprobados na Xunta de Goberno Local, que inclúen a activación de tres procedementos desde a Tenencia de Alcaldía
Xunta-de-Goberno-local-Lugo
16 Jul 2025

Entre os acordos destaca a adxudicación do servizo de comedores escolares por un importe anual de 1.067.146,08 euros.

O contrato, con duración inicial dun ano e prorrogable ata un máximo de cinco, foi outorgado á empresa Alimentación Saludable Galega, que atenderá diariamente a 1.004 nenas e nenos dos centros educativos da cidade. Arroxo destacou que o Concello mantén este servizo esencial para moitas familias, a pesar de que debería ser a Xunta de Galicia a encargada da súa xestión.

O menú será común en todos os centros, baseado na estratexia NAOS para unha alimentación saudable e equilibrada, e incluirá opcións alternativas para alumnos con necesidades especiais. Ademais, priorizarase o uso de produtos locais e de proximidade, así como a cociña próxima aos centros escolares.

O tenente alcalde subliñou que o contrato contempla mellores condicións alimentarias que as esixidas polo goberno estatal, como a prohibición do aceite de xirasol e a limitación do uso de fritos a dúas veces ao mes, así como que os menús sexan deseñados por un graduado en nutrición e dietética.

Por outra banda, Arroxo anunciou unha actuación para aumentar a seguridade viaria na rúa da Industria, no tramo que une Benigno Rivera co Polígono das Gándaras. As obras consistirán na reconfiguración da mediana para mellorar a fluidez do tráfico e a maniobrabilidade dos vehículos industriais, incrementando así a seguridade na zona. A licitación desta actuación sae con un orzamento máximo de 145.643,40 euros e un prazo de execución de cinco anos.

Finalmente, o Concello abrirá o procedemento para renovar o contrato do Vello Cárcere, con un importe máximo de 560.541,18 euros e unha duración dun ano prorrogable ata catro veces. Arroxo resaltou que esta instalación é unha das máis visitadas da cidade e que co novo contrato se continuará garantindo unha boa atención ás persoas visitantes e a organización das numerosas actividades culturais que acolle ao longo do ano.

⚙ Configurar cookies
0.16496610641479