O Concello de Lugo agarda o informe oficial da Xunta sobre a plataforma do Miño
O Concello de Lugo asegura que está á espera de recibir o informe oficial da Dirección Xeral de Patrimonio Natural coas indicacións sobre as recomendacións para a defensa das dúas especies de mexillón de río atopadas no lugar onde se pretende instalar a plataforma de baño pública do Miño.
Así, nun breve comunicado aos medios, o Goberno local explica que, polo momento, non recibiu ese informe do servizo galego. Ao tempo, dende a área de Medio Ambiente aclaran que, cando o Concello solicitou os permisos, para crear esta plataforma "envióuselle á Confederación Hidrográfica toda a documentación requirida na que se inclúe o inventario de especies e tamén o estudo de caudais e profundidades". Precisamente, por ser esta documentación suficiente e respectar e cumprir con todos eses requirimentos se concederon os permisos, recoñece o Executivo local.
"Dito isto, nestes momentos, o Concello de Lugo aínda non recibiu a esta hora o informe oficial da Dirección Xeral de Patrimonio Natural coas súas indicacións, que, en todo caso, segundo as competencias que ten, deberan limitarse á protección dos mexillóns", considera o edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández.
No mesmo senso, o Goberno local clarifica que, polo momento, malia as denuncias onte do Goberno galego, non comezou a instalar a Plataforma. "O único que se fixo, atendendo ás apreciacións realizadas pola Xunta de Galicia instando a incrementar a flotabilidade das estruturas, foi realizar precisamente unha comprobación ao respecto, depositando no leito unha plancha da devandita estrutura fixada á terra, na beira, de maneira provisional".
Asemade, explican que o Concello de Lugo fixo tamén unha mostraxe da fauna da zona, realizada por biólogos "que oficiosamente in situ lle trasladaron as conclusións obtidas aos técnicos da Xunta que compareceron no lugar, pero tamén de maneira oficial a través do correo electrónico e do Rexistro".
Con todo, o Concello xa anunciou que fixo, está a facer e fará todo o posible para tratar de abrir a Plataforma de Baño este verán, porén, ata non ter coñecemento das indicacións concretas que realice a Xunta non resulta posible anunciar cal de todas as alternativas nas que a Administración local traballa para dar solución a esta problemática é a máis acaída ou conveniente.
Pola súa parte, o responsable de área e voceiro municipal, Miguel Fernández, solicitou ao ente autonómico “a remisión das súas conclusións á Institución local canto antes, porque a súa demora a quen prexudica verdadeiramente é á veciñanza lucense”.
“Toda a cidade de Lugo agarda nestes comentos a que a Xunta se pronuncie ao respecto do que o Concello debe facer para permitirnos actuar canto antes, atendendo as súas indicacións para que dea o beneplácito á dotación e poder poñer a disposición do público a Plataforma. Que a ciadanía teña claro que, por parte do Concello, faremos o imposible para dispoñer dunha zona de baño como dispoñen outros moitos municipios lucenses e galegos”, concluíu o concelleiro de Medio Ambiente.