O Concello de Lugo amplía a 140 persoas o aforo para os bailes de xubilados en Frigsa
O Concello establece en 140 persoas o aforo máximo dos bailes do Centro Cívico Milagrosa. A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, mantivo un pequeno encontro coas persoas usuarias das sesións de baile para comunicarlles os novos parámetros de ocupación do inmoble. “Tal é como nos comprometemos a principios desta semana, procuramos estudar a posibilidade de satisfacer as demandas que nos trasladou o colectivo, sempre e cando se garantise a seguridade durante a realización da actividade”, apuntou a rexedora.
Así, Alvarellos Fondo, que estivo acompañada pola concelleira da área de Benestar Social, Olga López Racamonde, informou ás e aos asistentes de que, en atención ás peticións recibidas, solicitouse un novo informe municipal valorando a capacidade de acollida da sala. “O estudo fíxose en base a unha nova disposición do mobiliario que permitira incrementar o número de asistentes pero sen que iso supuxese un prexuízo para a súa protección e o correcto desenvolvemento das sesións, que é e foi o criterio que sempre primou para establecer a nova organización de acceso ás mesmas”, engadiu a alcaldesa.
Deste xeito, a rexedora trasladou que a partir xa desta mesma fin de semana o aforo máximo permitido será de 140 persoas como máximo. “E ante o rexeitamento que suscitou que se quixera dar prioridade de acceso á veciñanza empadroada en Lugo – como se fai na inscrición doutras moitas actividades municipais – a ocupación atenderá á orde de chegada ao baile”, sinalou, ao tempo que lembrou que de superarse a capacidade permitida, os e as usuarias interesadas en gozar dos bailes poderán desprazarse para participar neles ao resto de centros sociais nos que tamén se levan a cabo.