O Concello de Lugo amplía o prazo de inscrición para a aceleradora Turistalent 5.0 ata o 28 de xullo

O Concello de Lugo decidiu ampliar o prazo de inscrición na súa aceleradora de proxectos Turistalent 5.0 ata o vindeiro luns 28 de xullo. Esta ampliación supón un marxe adicional de dez días hábiles para que emprendedores, startups e empresas vinculadas aos sectores turístico e enogastronómico poidan formalizar a súa candidatura a este programa municipal pioneiro.
A iniciativa está dirixida a proxectos en fase pre-semente que teñan unha clara aposta pola innovación en ámbitos como o turismo rural, os servizos ao visitante, as axencias de viaxes, os aloxamentos turísticos, o enoturismo, o turismo activo ou sostible, a gastronomía local, a dixitalización de experiencias, a comercialización de produtos turísticos, ou a aplicación de tecnoloxía ao sector, entre outros.
Turistalent 5.0 procura identificar e impulsar ideas emprendedoras con capacidade de transformar o ecosistema turístico lucense. Para iso, ofrece un programa de formación especializada, acompañamento profesional por parte de persoas expertas en distintas áreas e un entorno propicio para o crecemento empresarial.
A convocatoria está aberta a persoas emprendedoras, equipos promotores e empresas de calquera forma xurídica, incluíndo persoas autónomas, que conten cun proxecto dentro do ámbito turístico ou enogastronómico e dispoñan de tempo para participar nas sesións presenciais que se desenvolverán en Lugo.