O Concello de Lugo amplía o servizo de comedores escolares en Fingoi II e anuncia os concursos de Entroido 2026

Rubén Arroxo, tenente alcalde do Concello de Lugo, anunciou que a Concellería de Educación está lista para prestar o servizo de comedores escolares na Escola Fingoi II. Arroxo fixo o anuncio tras aprobarse na Xunta de Goberno a modificación do contrato, que permite ampliar o servizo ao novo centro. O tenente alcalde destacou a seriedade coa que se levou a cabo o proceso de apertura, establecendo primeiro un prazo de preinscrición para as familias, que estivo aberto entre o 8 e o 12 de xaneiro, e que rematou cunha estimación de 24 usuarias fixas ao mes e unhas 14 persoas esporádicas.
O Concello prestará o servizo no momento no que rematen os últimos traballos no espazo provisional habilitado pola Xunta, coa previsión de que o vindeiro luns 2 de febreiro as familias poidan contar xa co comedor escolar neste centro. A ampliación do servizo supón un gasto de 27.038,88 euros para o Concello, un importe que, segundo lembrou Rubén Arroxo, debería corresponder á Xunta de Galiza, ao ter esta administración a competencia en exclusiva.
Entroido 2026
Na Xunta de Goberno aprobáronse tamén as bases dos concursos de disfraces para o Entroido 2026. O concurso infantil celebrarase na tarde do sábado 14 de febreiro, a partir das 17 horas, mentres que o desfile para persoas adultas terá lugar o martes 17. Ambas probas estarán divididas nas categorías individual, parellas e comparsas, e cada categoría contará con tres premios. As inscricións poderán realizarse a través do correo electrónico cultura@lugo.gal
desde o día seguinte á publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia ata as 13:00 do venres 13 de febreiro (categoría infantil) ou do luns 16 de febreiro (adultos).
A Tenencia de Alcaldía entregará máis de 16.000 euros en premios. Na categoría infantil, os premios serán: individual, 100, 80 e 50 euros; parellas, 150, 120 e 90 euros; comparsas, 240, 180 e 140 euros. No concurso para adultos, os premios na categoría individual ascenden a 500, 300 e 200 euros, con ata 3 accésits de 50 euros; nas parellas, 600, 400 e 300 euros, con ata 5 accésits de 100 euros; e nas comparsas, 1.100, 800 e 600 euros, con ata 7 accésits de 200 euros.
En ambos concursos, a área de Cultura contará cun xurado profesional que valorará a composición estética, a orixinalidade dos disfraces, a escenografía e a representación.
Mercados
No relativo aos mercados, aprobouse a actualización dos rexistros do Mercado de Antigüidades e do Mercado Tradicional para 2026. O Mercado de Antigüidades contará con 11 postos e seguirá celebrándose o 2º e 3º domingo de cada mes no fondo da Praza Maior (en caso de choiva, nos soportais). O Mercado Tradicional conta con 76 vendedores e vendedoras de produtos típicos e continuará celebrándose cada martes e venres no soto da Praza de Abastos.
Por último, aprobouse o cambio de titularidade da concesión administrativa do posto 8 da Praza de Abastos municipal, un traspaso motivado pola transmisión da actividade da peixería situada neste posto. A nova titular ten un prazo de dous meses para iniciar a actividade e deberá facerse cargo dos dereitos de traspaso e do depósito, que ascenden a 2.319,02 euros.