O Concello de Lugo amplía o servizo de madrugadores no CEIP Manuel Mallo Mallo

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou tras a Xunta de Goberno a aprobación da ampliación do contrato dos comedores escolares, que permitirá activar o servizo de madrugadores no CEIP Manuel Mallo Mallo de Nadela. Segundo explicou, a medida responde á alta demanda das familias e entrará en funcionamento a partir da próxima semana.
Con esta ampliación, todos os colexios públicos de Lugo contan co servizo de madrugadores, reforzando a conciliación familiar e cubrindo unha carencia non atendida pola Xunta de Galicia. O Concello destina máis de un millón de euros anuais a este servizo, co que se garantirá atención ás necesidades das familias lucenses, con quendas desde as 7:30 da mañá. Ferreiro destacou que, a pesar de ser responsabilidade da Xunta, o Concello continúa a xestionar e financiar este recurso esencial.
Na mesma Xunta de Goberno aprobouse tamén a concesión de postos de venda no Mercado de Frigsa, co obxectivo de reforzar a actividade comercial e mellorar o servizo á veciñanza.
Ademais, Ferreiro expresou o seu apoio público ás persoas que se manifestaron pacificamente contra a participación dun equipo israelí na Volta Ciclista, recordando que máis de 20.000 nenos palestinos perderon a vida e cualificando os feitos como un xenocidio. Reafirmou o compromiso do Concello coa defensa dos dereitos do pobo palestino, lembrando que no pleno municipal de decembro de 2023 se aprobou unha proposición condenando a violencia contra a poboación civil en Palestina.