O Concello de Lugo anuncia melloras na praza da Liberdade
O Concello de Lugo realizará melloras na praza da Liberdade, na zona de San Roque. Un proxecto de reforma integral que presentou hoxe o edil de Cohesión Territorial, Miguel Fernández, quen mantivo un encontro cos residentes da zona para explicarlles o alcance destes traballos. As actuacións a realizar mudarán a imaxe deste espazo público en prol de incrementar a súa confortabilidade.
“Todas as nosas accións teñen o mesmo obxectivo: mellorar a calidade de vida dos lucenses. E iso pasa tanto por deseñar o horizonte económico e transformar a cidade para que poida afrontar con recursos propios os retos de futuro que nos agardan, como tamén por traballar de forma constante nos barrios, para que gañen en habitabilidade, dispoñan cada vez de maiores dotacións e servizos”, subliñou o concelleiro.
Miguel Fernández, explicou que o Concello actuará nos 305 m2 que ten de superficie esta praza, na que se proxecta a substitución da superficie peonil que a atravesa en t res direccións distintas ata a súa zona central, tamén incluída, por un pavimento de formigón impreso cun tramado decorativo.
“Trátase de redeseñar este emprazamento, creando un punto de encontro e convivencia nunha parte da capital que ten escaseza delas, habilitando así enclaves para a socialización e o descanso ao aire libre”, sostivo Fernández.
O edil detallou que a obra abordará, igualmente, labores de xardinería e plantación co sementado de céspede na totalidade das tres zonas verdes existentes.