O Concello de Lugo anuncia o novo contrato de mantemento das zonas verdes

LugoXa
O Concello de Lugo anuncia o novo contrato de mantemento das zonas verdes que duplica a superficie e custará 3’6 millóns de euros anuais.
Concello de Lugo
8 Xul 2021

O Concello de Lugo presentou o novo contrato para o mantemento das zonas verdes do municipio. Nel trátase o coidado integral de parques e espazos axardinados da cidade nos que primará e se terá en conta a sostenibilidade e calidade ambiental.

A licitación duplica a superficie que que dará atendida pero tamén e, por tanto, multiplica considerablemente o seu custo, pasando, respectivamente de 607.804 metros cadrados a 1.366.273 metros cadrados e, de 817.951 euros ao ano a 3.667.896 euros. Dende o Concello deuse a coñecer que o contrato, que terá unha duración de cinco anos, improrrogables, abrangue a totalidade de traballos de conservación e limpeza das zonas verdes. 

Dende o Concello sinalaron as obrigas recollidas no prego, elaborado polo Servizo de Parques e Xardíns, para conservar as zonas verdes en perfecto estado vexetativo, botánico, fisiolóxico, ornamental, estético e paisaxístico. Así pois, non só se realizarán traballos nas especies vexetais, senón tamén no mobiliario urbano -fontes, estanques e mesmo o estado que presente o pavimento-.

Tamén se comunicou que, entre as zonas que abrangue esta licitación, se atopan os canís e os espazos verdes de nova creación que, con motivo de obras futuras, ampliacións, cesións, recepcións de urbanizacións e adquisicións de todo tipo incrementen a superficie de actuación municipal, respectando as mesmas condicións que contempla a adxudicación.  

Incremento en torno ao 68% do persoal e do 12% de medios mecánicos

A rexedora salientou, así mesmo, que a nova adxudicación contempla a contratación de medio cento de operarios, en diferentes postos de traballo, cunha pequena variación que oscila entre os 47 empregados que deben figurar no cadro de persoal en tempada baixa - de decembro a febreiro - e os 52 que debe manter o resto do ano. Esto significa que o cadro de persoal, que é subrogable e actualmente dispón de 31 operarios, experimentará un incremento en torno a un 68%, favorecendo tamén a xeración de emprego. 

Igualmente apuntou que a empresa deberá dotarse de medios materiais e mecánicos para executar o seu cometido. En total, pasarase de 166 unidades de maquinaria a 186 (un 12% máis) – a tempo parcial, completo e vehículos - como cortacéspedes, rozadoras, motoserras, sopladoras, tractores, trituradoras e camións basculantes, furgonetas, vehículos multiusos ou remolques.

Pola súa banda, púxose o foco, nun primeiro momento, nas cláusulas medioambientais, como eixo transversal de todas as políticas do goberno local. Deste xeito, aclarouse que o licitador deberá incorporar todas aquelas innovacións tecnolóxicas, sistemas e procedementos que contribúan á minimización dos impactos ambientais en todos os aspectos relativos á xestión do servizo e asumirá, tamén, as medidas necesarias para conseguir un aforro de recursos.  

En canto á contaminación atmosférica, a maquinaria utilizada deberá garantir en todo momento a emisión reducida de gases e ruídos. Deuse conta, ademais, de que todos os vehículos que se asignen ao contrato, deberán estar propulsados por motores que garantan o mínimo de emisións, ser eléctricos, híbridos enchufables ou doutro sistema mellorado. Todos, iso si, de nova adquisición, non admitíndose vehículos de segunda man.

A limpeza e o ornato

Púxose de manifesto que as segas pasarán a realizarse coa frecuencia necesaria para que as plantas non alcancen unha altura tal que estética ou fisioloxicamente supoñan un prexuízo para o propio céspede ou o seu desmerecemento, fixándose, á súa vez, como altura máxima admisible da herba os 3 centímetros e establecéndose un prazo máximo entre segas de 8 días de marzo a outubro (ambos inclusive), e de 12 días de novembro a febreiro.

O contrato atenderá tamén á conservación de camiños, paseos e prazas incluíndo o renivelado do terreo, a reparación de cunetas, zonas de repouso, arquetas e plataformas. Unha vez cada dous meses, como mínimo, procederase á limpeza periódica e desatasco dos sumidoiros, arquetas e canalizacións de pluviais existentes nos mesmos. 

Falouse tamén dos canís, en tanto a empresa asumirá o mantemento de toda a infraestrutura - chan, paseos, carteis - así como o corte e rega do céspede, árbores e arbustos, retirada de excrementos, recheo de ocos ou foxos, subministración e colocación das bolsas e luvas hixiénicas e, en caso de estar formadas as superficies por pavimentos duros, farase unha limpeza diaria con mangueira a presión. 

0.10078406333923