O Concello de Lugo anuncia que destinará 1,5 millóns de euros a proxectos de mobilidade, cultura e medio ambiente

LugoXa
Os fondos, procedentes do remanente municipal, financiarán o control de acceso ao centro histórico, a modernización da administración e os actos polo 25º aniversario da Muralla
Casa-Consistorial-Concello-de-Lugo
21 Oct 2025

O Concello de Lugo vén de anunciar que incorporará 1,5 millóns de euros de fondos municipais para reforzar distintas áreas de xestión e impulsar proxectos prioritarios en materia de mobilidade, persoal, cultura e medio ambiente.

A modificación orzamentaria financiarase integramente con remanentes de Tesourería para gastos xerais procedentes da liquidación positiva do orzamento de 2024, o que permitirá empregar recursos propios froito da boa xestión económica e do equilibrio das contas municipais.

O investimento principal, de 1 millón de euros, destinarase á implantación dos sistemas de control de acceso ao centro histórico, unha medida que mellorará a ordenación da mobilidade e o tránsito de vehículos, facendo do casco vello un espazo máis accesible, seguro e respectuoso co patrimonio. Ademais, 160.000 euros dirixiranse á modernización da administración municipal, mediante a posta en marcha dun novo sistema informático de persoal e recursos humanos que permitirá unha xestión máis áxil e eficiente.

O alcalde, Miguel Fernández, salientou que esta iniciativa “amosa a solvencia do Concello e o uso responsable dos recursos públicos, poñendo os aforros municipais ao servizo da cidade e da veciñanza”. Subliñou tamén que “estes fondos permitirán seguir avanzando en proxectos clave, mellorar a xestión interna e apoiar iniciativas culturais e patrimoniais que fortalecen a identidade de Lugo”.

A modificación orzamentaria inclúe tamén 50.000 euros para os actos de conmemoración do 25º aniversario da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade, que se celebrarán ao longo de novembro cunha programación institucional, cultural e divulgativa. Outros 65.000 euros destinaranse á reparación e mantemento de edificios municipais, 50.000 euros a actuacións ambientais e mellora das instalacións vinculadas á biomasa, e 164.000 euros á organización do San Froilán 2025.

Fernández destacou que esta incorporación “non suporá novo endebedamento nin incremento estrutural do gasto, senón o aproveitamento do resultado positivo do exercicio anterior para atender necesidades reais da cidade”. O rexedor concluíu asegurando que “Lugo é unha administración solvente, que cumpre cos seus compromisos e que pode empregar o resultado positivo da súa xestión para mellorar servizos, modernizar a administración e impulsar proxectos de futuro”.

“Estas medidas —engadiu— demostran que a planificación e o rigor dan resultados, e que se pode xestionar con responsabilidade e, ao mesmo tempo, investir no que realmente importa: as persoas e o benestar da cidade”.

⚙ Configurar cookies
0.076916933059692