O Concello de Lugo apoia á Protectora cunha achega de 200.000 euros

LugoXa
O Concello de Lugo apoia o labor da Protectora cunha achega de 200.000 euros en prol da protección dos animais abandonados.
can protectora animal
13 Xul 2021

A área de Medio Ambiente vén de outorgar á Sociedade Protectora de Animais e Plantas unha achega económica de 200.000 euros.

A axuda, enmarcada no Plan Estratéxico de Subvencións, obedece ao convenio de colaboración subscrito entre o Concello de Lugo e a entidade e correspóndese coa aportación anual para o ano en curso, duplicando a contía do anterior protocolo polo que se rexía a cooperación entrámbolos dous organismos.

O tenente de alcaldesa e responsable da área, Miguel Fernández, subliñou que “o obxectivo desta subvención é apoiar á entidade para que poida mellorar o coidado dos animais que acolle nas súas instalacións, velando tamén polo control sanitario das colonias felinas existentes na cidade e fomentando a concienciación e bo comportamento da veciñanza ao respecto dos abandonos”.

Fernández cualificiou de “moi valioso” o labor que desenvolve a Protectora e sinalou que “o Concello quere contribuír a el a través desta aportación para que dea cobertura a cuestións tan importantes como a manutención e o benestar dos animais que se re cuperan e aloxan nas súas dependencias pero que tamén posibilitará a realización de campañas de sensibilización e doutras actividades educativas en prol da protección e o respecto ao medio ambiente”, concluíu o edil de Medio Ambiente.

0.17847490310669