O Concello de Lugo aportará auga rexenerada para transportala a zonas de secaño e regar explotacións

LugoXa
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, participou este martes na presentación do proxecto I-Rewater que tivo lugar na Escola Politécnica Superior de Enxeñeria no Campus Terra.
alvarellos_campus_terra
21 Feb 2024

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, participou este martes na presentación do proxecto I-Rewater que tivo lugar na Escola Politécnica Superior de Enxeñeria no Campus Terra. Esta programa Gestión sostible dos recursos hídricos na agricultura de regadío no espazo Sudoe é un proxecto Coordinado por investigadores desta Escola, en concreto do Grupo de Investigación Proxectos e Planificación. A iniciativa aglutina a tódolos actores de xestión da auga de España, Portugal, Sur de Francia e Andorra. Dentro desta estratexia, o Concello de Lugo aportará auga rexenerada dentro da súa infraestrutura do Ciclo da Auga, en concreta na EDAR municipal, que será posteriormente transportada a zonas de secaño para regar explotacións agrarias.

Neste sentido, a rexedora amosou a súa satisfacción porque o Concello forme parte do proxecto I-Rewater. “A adopción de estratexias de uso da auga rexenerada vai permitir aumentar a nosa resiliencia ante o cambio climático. Sen dúbida este proxecto supoñerá un fito no aproveitamento dos nosos recursos hídricos a nivel europeo”, sinalou Alvarellos. “Creo que todos os presentes coincidimos en que o aproveitamento dos recursos hídricos é un desafío multidisciplinar que require ademais dunha xestión cunha manifesta vocación integradora, sostible e colaborativa. É un obxectivo no que debemos lograr que se involucren todas as administracións implicadas e todos e cada un os actores afectados”, rematou.

A alcaldesa aproveitou o seu primeiro acto institucional no Campus Terra para facer unha defensa do seu valor para o territorio. “Proxectos como o que hoxe estamos a presentar amosan a importancia do noso campus a nivel Europeo. A aportación do Campus Terra a iniciativas pioneiras como esta é incalculable. O seu labor como centro investigador ten no presente e terá no futuro  importantes repercusións en temas de valor estratéxico como é o aproveitamento dos recursos hídricos. Ademais é preciso destacar a súa contrastada contribución no pasado a innovación e modernización doutros sectores, como no seu día foi a explotacións gandeiras. Podemos presumir que segundo os criterios deste centro acometeuse a reforma das explotacións gandeiras galegas, que hoxe poden ser competitivas co resto de explotacións europeas grazas a esta transformación impulsada integramente desde Lugo. Ningunha Administración debe esquecerse diso. Non nos opoñemos a que se creen novas titulacións en outros lugares, pero si que nos opoñemos a que o Campus Terra perda ningunha”, concluíu.

0.1772780418396