O Concello de Lugo aposta por mellorar a mobilidade con tres novas actuacións viarias

LugoXa
A construción dunha rotonda en Fingoi, a renovación do asfalto no Ceao e a humanización do Carril das Flores suporán un investimento conxunto de máis de 1,1 millóns de euros
LUGO-Rolda-Fingoi-Alfonso-X
13 Aug 2025

O Concello de Lugo vén de dar luz verde a tres intervencións clave para mellorar a mobilidade, a seguridade e a integración urbana. A Xunta de Goberno aprobou hoxe a adxudicación da obra para construír unha nova rotonda no cruce entre Afonso X O Sabio e a Rolda de Fingoi, unha intersección actualmente regulada por semáforos e que presenta un espazo amplo e pouco integrado na contorna.

A actuación, adxudicada á empresa Ovisa por 183.557 euros e cun prazo de execución de tres meses, permitirá substituír os semáforos por unha rotonda axardinada. O proxecto inclúe a adaptación do alumeado ao novo deseño, avanzando na implantación de luminarias LED, e a mellora da rede de saneamento para garantir unha drenaxe axeitada. O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, subliñou que o obxectivo é “facilitar un tráfico máis fluído e seguro, ao tempo que se mellora a estética da zona”.

Tamén se aprobou a renovación do firme na rúa da Agricultura, no polígono do Ceao. Os traballos, que executará Francisco Gómez y Cía SL con 143.320,20 euros de orzamento e un prazo de 12 semanas, inclúen a substitución da tubaxe de fibrocemento por fundición dúctil, a reposición da capa de rodadura con asfalto en quente e a renovación da sinalización horizontal.

A terceira actuación afecta ao Carril das Flores, que sairá a licitación cun orzamento máximo de 777.931,60 euros e un prazo de execución de 10 meses. O plan contempla converter a rúa nunha plataforma única con zonas diferenciadas para peóns e vehículos, novos espazos verdes, bancos, alumeado renovado con columnas recuperadas do casco histórico e a instalación de rego automático.

Ademais, mellorarase o sistema de drenaxe con canaletas lonxitudinais e renovaranse as canalizacións de abastecemento e saneamento. Arroxo destacou que este proxecto “permitirá avanzar na cidade dos 5 minutos” e completar parte do corredor peonil leste-oeste, que conectará Fontiñas co río a través dun percorrido continuo por espazos peonís.

⚙ Configurar cookies
0.21125602722168