O Concello de Lugo aproba a licenza definitiva para ampliar as instalacións da Protectora

O Concello de Lugo culminará o proceso administrativo necesario para legalizar e ampliar as instalacións da Sociedade Protectora de Animais e Plantas coa concesión definitiva da licenza urbanística, que se aprobará na Xunta de Goberno Local.
Esta resolución supón o paso definitivo para executar un proxecto valorado en máis de 517.000 euros, tras obter todos os informes técnicos favorables e cumprir coas esixencias legais e ambientais.
O proxecto permitirá dotar ás instalacións de Muxa de novas dependencias, entre elas un edificio de recepción e clínica veterinaria, unha residencia e zona de cuarentena para gatos, un parque de caniles sectorizado, melloras en áreas de servizo e almacenaxe, aparcamentos e paneis solares. O prazo de execución previsto é de 36 meses, con fases que garantirán o mantemento da actividade durante as obras.
A voceira do Grupo Municipal Socialista, Ana Fernández Abelleira, destacou que “por fin, despois de moito tempo e grazas á mediación municipal, existe un proxecto viable, solvente e con respaldo técnico; só falta a vontade política para facelo realidade. Lugo e o benestar animal merecen ese compromiso conxunto ao marxe das liortas políticas”.
Fernández Abelleira lembrou que o Concello “xa fixo os deberes, dispoñemos da consignación orzamentaria necesaria e acompañamos á Protectora en todo o proceso técnico”. O rexedor insistiu na importancia de que a Xunta de Galicia “peche canto antes o convenio de financiamento, como xa fixo a Deputación Provincial, para que Lugo poida contar cun espazo moderno e eficiente para o coidado dos animais”.
O Goberno local reiterou o seu compromiso cunha entidade que leva décadas atendendo animais abandonados e á que o Concello destinou máis dun millón de euros nos últimos cinco anos. “Este proxecto é unha mostra do noso compromiso co benestar animal e coa colaboración institucional en positivo”, subliñou a voceira.