O Concello de Lugo aproba subvencións para ANPAS e aproba o contrato de subministración de combustible

LugoXa
As asociacións de nais e pais de alumnado poderán solicitar axudas para actividades formativas e culturais ao longo de 2026
Xunta-de-Goberno-local-Lugo
25 Mar 2026

A Xunta de Goberno do Concello de Lugo aprobou as bases da convocatoria de subvencións dirixidas ás asociacións de nais e pais de alumnos/as (ANPAS) de centros educativos sostidos con fondos públicos —CEIP, IES e centros concertados— para a realización de actividades formativas e culturais ao longo do ano 2026.

O tenente alcalde, Rubén Arroxo, destacou como principal novidade o cambio no calendario da convocatoria: “Adiantamos a convocatoria de setembro a abril para que as ANPAS poidan planificar mellor as súas actividades ao longo de todo o ano. Queremos facilitarlles tempo e estabilidade para organizar propostas formativas e culturais de calidade”.

A publicación das bases realizarase no Boletín Oficial da Provincia despois da Semana Santa, mentres que o prazo de xustificación manterase ata finais de novembro. O límite máximo de axuda establécese en 2.000 euros por ANPA, diferenciando dous tipos de actividades subvencionables.

Por unha banda, as actividades formativas, como as relacionadas con adiccións, escolas de nais e pais, educación emocional, primeiros auxilios ou igualdade, poderán recibir ata o 90 % de financiamento. “Estamos a apostar claramente pola formación das familias, porque entendemos que é clave para o desenvolvemento educativo e social do alumnado”, sinalou Arroxo.

Por outra banda, as actividades culturais, como visitas a museos ou actividades con guía turístico, serán subvencionadas ata nun 60 % do seu orzamento.

En materia de contratación, a Xunta de Goberno aprobou tamén o expediente para a subministración de combustible destinado á calefacción e aos grupos electróxenos municipais. Inclúe a aprobación dos pregos técnicos e administrativos, así como do gasto e a apertura do procedemento aberto de licitación.

O contrato terá unha duración inicial de dous anos, prorrogable ata un máximo de catro anos, cun orzamento base de licitación de 100.000 euros, IVE incluído, que permitirá a subministración de ata 42.000 litros de gasóleo B e C.

0.12148094177246