O Concello de Lugo promove o tecido asociativo con axudas por un importe de 22.500 euros
O Concello de Lugo aprobará na Xunta de Goberno Local as bases e a apertura da convocatoria de subvencións a asociacións e entidades sen ánimo de lucro do municipio que desenvolven a súa actividade no eido da dinamización económica e levan a cabo proxectos de fomento do emprego en Lugo. “Trátase de axudas, por un importe total de 22.500 euros, para promover que o tecido asociativo da cidade leve a cabo iniciativas que dinamicen a economía lucense”, explicou Mauricio Repetto.
Neste senso, ponse en marcha unha nova edición desta convocatoria “coa que dende o executivo municipal queremos seguir brindando apoio a todas aquelas iniciativas e proxectos locais cos que se acade a xeración de emprego”. Neste senso, Repetto puxo en valor “o traballo e implicación do tecido asociativo a nivel local”, ao tempo que destacou “a colaboración e a man tendida que manteñen con estes colectivos como piar fundamental do municipio”.
Para a valoración e concesión das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, teranse en conta criterios obxectivos e de calidade do proxecto como o número de persoas asociadas á entidade, o número de anos de experiencia e implantación en Lugo, o fomento da dixitalización, a innovación ou a sostibilidade, a execución de actividades de formación e de participación da cidadanía a través da organización de eventos como feiras, mercadillos, congresos ou actividades de dinamización e networking.
Toda vez que o seu anuncio se publique no Boletín Oficial da Provincia, poderán acollerse a estas achegas –que terán unha contía máxima de 2.000 euros, coa que se pode cubrir até o 90 % da acción– as asociacións e entidades sen ánimo de lucro, que tendo a súa sede e domicilio social en Lugo, teñan recoñecidos nos seus fins estatutarios a realización de actividades de fomento da promoción económica, comercio, formación empresarial e para o emprego, empresarial, hostalería e/ou creación de emprego a través de proxectos que pretenden a mellora económica do municipio de Lugo.