O Concello de Lugo aprobará dúas novas licenzas urbanísticas por máis de 6,9 millóns de euros

O Concello de Lugo aprobará dúas novas licenzas urbanísticas cun investimento conxunto que supera os 6,9 millóns de euros na Xunta de Goberno Local que se celebrará o mércores, 5 de febreiro.
As licenzas autorizan a instalación dunha central térmica de calor distribuído alimentada con biomasa no Campus Universitario de Lugo e a construción dun edificio residencial de 42 vivendas na Praza Aviador Parga Cerezo.
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, destacou que estas concesións supoñen un paso adiante no desenvolvemento da cidade, ao impulsar proxectos que modernizan as infraestruturas e xeran actividade económica. "A nosa cidade debe seguir avanzando e para iso é fundamental facilitar a execución de proxectos estratéxicos, tanto para mellorar os servizos como para impulsar o sector da construción, que ten un peso fundamental na economía local e na creación de emprego", afirmou a rexedora.
OS PROXECTOS
O primeiro dos proxectos aprobados é a instalación dunha central térmica de calor distribuído no Campus Universitario de Lugo, que será alimentada por biomasa. Este sistema abastecerá nove edificios do campus de calefacción e auga quente sanitaria. O proxecto, promovido pola Universidade de Santiago de Compostela, incluirá a conexión de vinte salas de caldeiras mediante unha rede de canalizacións subterráneas. A edificación da central contará con cinco caldeiras de 990 kW cada unha e un sistema de distribución de calor. O investimento previsto para este proxecto ascende a 3.907.725 euros, cun prazo de execución de 24 meses.
Pola súa parte, a promoción residencial estará situada na Praza Aviador Parga Cerezo, na esquina coa rúa Jacinto Calvo. O proxecto contempla a construción de dous bloques de sete plantas máis ático, que albergarán un total de 42 vivendas, 59 prazas de garaxe e 43 trasteiros. O orzamento das obras de edificación ascende a 2.990.524 euros, cun prazo de execución de 36 meses.
Alvarellos tamén subliñou a importancia de manter un ritmo sostido na concesión de licenzas, asegurando que “o dinamismo urbanístico é clave para o crecemento equilibrado de Lugo, combinando o avance nas infraestruturas co respecto pola planificación urbana”.
A rexedora puxo en valor tamén o traballo dos servizos municipais, que permiten atender con eficacia estas tramitacións e dar resposta ás necesidades da cidade cunha administración máis áxil e eficiente.