O Concello de Lugo aprobará unhas Bolsas Municipais ao Talento Deportivo

LugoXa
Estas axudas están orientadas a recoñecer o mérito e a superación das e dos deportistas máis novos, que coa súa dedicación e esforzo contribúen a proxectar valores positivos
Bolsas-Municipais-ao-Talento-Deportivo-lucense
20 Nov 2024

O Concello de Lugo aprobará en Xunta de Goberno Local unha nova edición das Bolsas Municipais ao Talento Deportivo, que contará cunha dotación de 26.000 euros.

Estas axudas están orientadas a recoñecer o mérito e a superación das e dos deportistas máis novos, que coa súa dedicación e esforzo contribúen a proxectar valores positivos na sociedade.

"Estas bolsas buscan apoiar á mocidade deportista lucense que, ademais de destacar no ámbito deportivo, transmite unha mensaxe de superación que resulta inspiradora para toda a sociedade", explicou o edil de Deportes, Jorge Bustos.

O edil Jorge Bustos avanzou que poderán optar a estas axudas as persoas federadas que naceran entre os anos 2005 e 2010, sen límite de idade no caso de deportistas con diversidade funcional, e que destacaran pola súa participación en eventos deportivos a nivel autonómico ou nacional durante o ano 2023.

"Queremos facilitar que as e os mozos deportistas poidan seguir desenvolvendo o seu talento sen renunciar ao reforzo académico que necesitan para o seu futuro", indicou o responsable de Deportes, quen tamén destacou que "o compromiso do Goberno local é garantir as condicións necesarias para que as novas xeracións sigan alcanzando os seus soños".

Entre os criterios de avaliación, valoraranse os méritos acadados en campionatos de España (do 1º ao 8º posto) e de Galicia (do 1º ao 3º posto), así como a superación do curso académico 2022/2023.

"A nosa prioridade é fomentar a práctica da actividade física e mellorar o rendemento deportivo da mocidade lucense nas súas respectivas modalidades competitivas, para o que resulta fundamental ofrecerlles o respaldo económico que precisan", engadiu Jorge Bustos.

O prazo para presentar as solicitudes será de 10 días hábiles, a contar desde o día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. As persoas interesadas deberán entregar a documentación no Rexistro Xeral do Concello ou empregar os medios establecidos pola Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo Común.

0.19661784172058