O Concello de Lugo asegura que a rehabilitación do casco histórico optará a axudas
O Concello de Lugo aclara, tras a rolda de prensa do PP sobre os Entorno Residencial de Rehabilitación Programado (ERRP) do centro e A Milagrosa-Barrio Feijoo, que están a tempo tal e como corroboran os técnicos municipais, xa que as bases saen no mes de abril. Posteriormente, os propietarios dispoñen de 2 anos e 2 meses para executar as obras, ata o 30 de xuño de 2026 e ademais cóntanse con outros seis meses a maiores, ata final de 2026, para que Xunta e Concello xustifiquen as mesmas ante o Ministerio.
Segundo trasladan dende o Goberno local, nestas bases recóllese que as actuacións de eficiencia enerxética que alcancen os obxectivos previstos no Plan, realizadas nesta contorna ata 4 anos antes da convocatoria —o máximo de tempo que se permite por normativa— poidan optar igualmente ás axudas xustificándoas debidamente cos proxectos, certificado de eficiencia enerxética inicial e final e as facturas perceptivas. Por tanto, desmenten que se acabe o prazo. De feito expoñen que a maioría de concellos galegos, entre eles algunhas das grandes cidades, non as sacaron aínda.
Respecto ao ERRP da Milagrosa e Barrio Feijoo, a situación é diferente á do centro. No centro histórico existe o Pepri como soporte documental para concorrer a este programa, por iso puidose acudir á convocatoria e cursar a solicitude en decembro de 2022. Con todo, no caso da Milagrosa e Barrio Feijoo non existía ese soporte documental. O Real Decreto 852/2021 do 5 de outubro polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia indica claramente no seu artigo 12 que é necesario contar coa delimitación cartográfica do ERRP e unha relación que permita identificar inequivocamente a todos os inmobles incluídos no ERRP sobre os que se vai a actuar.
Nova convocatoria do programa
Foi necesario neste caso contratar a redacción desa memoria-programa e da cartografía necesaria. O obxectivo é poder ter un soporte da identificación das unidades edificables que existen a área que se vai declarar como ERRP e a identificación das súas problemáticas e cumprir co requisito do decreto para así poder optar ao financiamiento. Neste sentido, os técnicos municipais mantiveron dúas reunións de carácter técnico co IGVS. Entre a primeira e a segunda, existe unha comunicación do IGVS datada o 15 de setembro de 2022 e asinada pola directora técnica de Fomento deste organismo, Susana Mera Souto, onde se resolven dúbidas formuladas por distintas oficinas de rehabilitación en relación particular co programa de axudas.
Entre outros aspectos, sinálase de forma explícita que “en principio, está previsto facer novas convocatorias para este programa”. De feito, aseguran que dos 2.540 millóns repartidos polo Estado dentro deste Plan a Galicia correspóndelle o 5,84 %, é dicir 148 millóns de euros, dos que a Xunta só puxo en funcionamento 67 millóns ata o momento: 3,3 millóns para axudas á redacción de proxectos de rehabilitación e libros de edificios, 13,5 millóns para melloras de eficiencia, 23 millóns para axudas a nivel de edifico, 4,7 para as oficinas de rehabilitación e 22,8 millóns para o Programa de Barrios. Por tanto, aínda quedan 81 millóns de euros que a Xunta pode asignar na nova convocatoria.
Sobre esta futura convocatoria e sobre o orzamento dispoñible é a base que soporta o traballo dos técnicos municipais, para que, unha vez ábrase esa convocatoria, dispóñase de todo o traballo previo de memoria-programa e cartografía para concorrer en prazo. Outra constatación de que a intención da Xunta é abrir esa convocatoria é que a segunda reunión técnica tivo lugar o 22 de maio de 2023, é dicir, fai menos dun ano, onde Ines Chao Vega explicou como se realiza a tramitación do plan de Barrios. Sinalan así que a pelota está no tellado da Xunta neste momento porque é quen ten que abrir a convocatoria.