O Concello de Lugo atendeu as necesidades das persoas afectadas polo Apagón

LugoXa
A caída da rede móbil e doutros sistemas obrigou ao goberno local a habilitar dous teléfonos de emerxencia (629 135 532 e 608 979 687)
centro-Lugo
29 Apr 2025

O Concello de Lugo activou na xornada de onte, luns 28 de abril, un gabinete de crise para facer fronte ás consecuencias do apagón que afectou a toda a cidade. A perda do subministro eléctrico, que se prolongou durante varias horas, obrigou a reorganizar os servizos municipais e a priorizar as actuacións máis urxentes en materia de seguridade, mobilidade e atención ás emerxencias.

O alcalde, Miguel Fernández, reuniuse desde os primeiros momentos do apagón co seu socio de goberno, Rubén Arroxo, e cos xefes de servizo do Concello dispoñibles para coordinar a resposta municipal ante a emerxencia. Ademais, celebrouse unha reunión extraordinaria na Subdelegación do Goberno coa participación dos responsables de todas as forzas de seguridade presentes na cidade.

Unha das principais preocupacións foi a paralización total da rede semafórica, que provocou problemas de tráfico e riscos para a seguridade viaria. Do mesmo xeito que a Dirección Xeral de Tráfico, o Concello pediu á cidadanía evitar os desprazamentos innecesarios e mobilizou efectivos da Policía Local para controlar manualmente os puntos máis críticos da circulación.

Outro dos retos foi manter operativas as comunicacións. A caída da rede móbil e doutros sistemas obrigou ao goberno local a habilitar dous teléfonos de emerxencia (629 135 532 e 608 979 687) conectados directamente coa Policía Local. Para garantir a coordinación cos Bombeiros, optouse polo uso da radio, e trasladáronse xeradores a distintas antenas de comunicación repartidas pola cidade para manter o sistema activo.

En canto ao subministro de auga, o Concello informou de que os depósitos municipais contaban con reservas para entre 26 e 32 horas, o que permitiu manter o abastecemento á poboación durante o corte. Porén, a planta potabilizadora detívose por completo ao non contar cun sistema autónomo, mentres que a planta depuradora puido continuar funcionando grazas ao seu sistema electróxeno, que permite bombear auga durante unhas doce horas.

Grazas á coordinación entre administracións, técnicos e corpos de seguridade, a situación foi estabilizándose ao longo do día. Finalmente, todos os barrios de Lugo recuperaron o subministro eléctrico ao peche da xornada, devolvendo a normalidade á vida da veciñanza.

VALORACIÓN DO ALCALDE

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, deu unha valoración durante esta mañá, 29 de maio, das actuacións levadas a cabo desde o Concello: "Diante da situación de incerteza que se presentaba no Concello, tratamos de dar unha resposta rápida, eficaz e o máis coordinada posible. En menos dunha hora constituímos un comité de crise no que participaron todos os xefes de servizo do Concello, así como os responsables municipais e concelleiros e concelleiras. Desde ese momento avaliamos as necesidades prioritarias de cada área para garantir subministracións básicas como a auga ou o gasóleo para os xeradores que mantiveron operativos servizos esenciais como a Policía Local ou o Parque de Bombeiros, e tamén para garantir a seguridade en toda a cidade. Quero agradecer a gran dispoñibilidade e profesionalidade de todo o persoal municipal, así como a colaboración das forzas e corpos de seguridade, que traballaron de maneira coordinada en todo momento. Posteriormente, xunto co intendente da Policía Local, participamos nunha reunión de coordinación convocada pola Delegación do Goberno, onde se confirmou que todos os corpos, Policía Nacional, Bombeiros, Protección Civil, etc., estaban reforzados e operativos. A partir de aí, a Comisaría da Policía converteuse no centro de seguimento da coordinación da emerxencia. Desde as seis da tarde comezou a recuperación progresiva do subministro eléctrico, sendo Lugo a primeira das grandes cidades galegas en recuperar a normalidade. A partir das nove da noite todos os sistemas funcionaban correctamente, incluíndo o alumeado público, a rede de augas e os semáforos, agás unha pequena incidencia na rúa Orquídea. Quero trasladar o meu agradecemento sincero a todos os servizos e persoal municipal polo seu compromiso e entrega. Tamén á cidadanía de Lugo pola súa responsabilidade e colaboración. Podo dicir que, unha vez máis, en Lugo estivemos á altura" .

⚙ Configurar cookies
0.16715812683105