O Concello de Lugo avala o proxecto da Protectora de Animais

LugoXa
O plan de legalización, reforma e ampliación en Muxa contempla novas dependencias veterinarias, zonas para gatos e un parque de caniles sectorizado
acordo-protectora-de-Lugo-Deputación-e-Concello
2 Oct 2025

O Concello de Lugo deu luz verde ao proxecto básico da Sociedade Protectora de Animais e Plantas, logo de que este se adaptase ás exixencias técnicas e á normativa urbanística vixente. O informe favorable emitido polos servizos municipais permitirá legalizar, reformar e ampliar as instalacións situadas en Muxa, un paso que garante o futuro da entidade despois de anos de incerteza.

O alcalde, Miguel Fernández, anunciou que “a Protectora terá por fin unhas instalacións modernas e legais”. Destacou que o Concello acompañou o proceso para facilitar que se cumprise coa normativa e subliñou que “sempre estivemos ao seu lado porque o benestar animal é unha prioridade deste Goberno”. Porén, lamentou que o proxecto non fose modificado desde as primeiras reunións técnicas, aínda que celebrou que agora sexa plenamente viable.

O plan, redactado polos arquitectos Manuel Cortón Muinelo e Diego Vila Fernández, conta cun orzamento superior aos 517.000 euros e establece un prazo de execución de 36 meses. Entre as actuacións previstas figuran a construción dun edificio de recepción con clínica veterinaria, unha residencia e zona de cuarentena para gatos, un parque de caniles sectorizado con espazos de illamento, ademais da mellora das áreas de servizo, zonas de almacenaxe, aparcamentos, paseos e a instalación de paneis solares.

As obras desenvolveranse en 18 fases, de maneira que a Protectora poida manter a súa actividade durante todo o proceso. O plan técnico indica que a posta en marcha das novas dependencias só poderá producirse cando se completen as fases iniciais de demolición das construcións que non se podían legalizar e da súa substitución por equipamentos adaptados á normativa.

Ademais do informe municipal, o proxecto conta tamén con resolucións favorables da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e da Consellería de Medio Ambiente, que emitiu a declaración de incidencia ambiental. Neste marco, o alcalde destacou que o Concello logrou implicar tanto á Deputación como á Xunta para garantir a cofinanciación necesaria que permita executar canto antes as obras e dar unha solución definitiva ás actuais instalacións de Muxa.

Fernández puxo en valor a longa traxectoria da entidade, que leva décadas atendendo animais abandonados, e asegurou que merece contar con instalacións á altura do seu labor. O rexedor lembrou que o Concello xa destinou máis dun millón de euros á Protectora nos últimos cinco anos e garantiu que ese apoio continuará.

REACCIÓN DO PARTIDO POPULAR

O Grupo Municipal do Partido Popular de Lugo destacou a importancia da aprobación da licenza para a ampliación da Protectora, lembrando que sempre mantiveron un compromiso firme e persoal coa mellora das actuais instalacións. Elena Candia, voceira do Grupo Municipal e antiga presidenta da Deputación, subliñou que “dende o primeiro momento dixemos que non pararíamos ata facer realidade esta obra tan necesaria”.

Os populares criticaron duramente a xestión do proxecto por parte do PSOE e do BNG, á que cualificaron de insultante, xa que se trata dunha competencia exclusivamente municipal. Lembraron que desde 2019 ambos partidos bloquearon a mellora e ampliación das instalacións, cunha serie de decisións que describen como “cronoloxía de ciencia ficción”: cambios de ubicación sen fondos, votacións en contra e negativa a asignar os 700.000 euros previstos nos hortos ecolóxicos, que finalmente nunca se concretaron.

O concelleiro Antonio Ameijide asegurou que “o bigoberno o único que fai é poñer atrancos e paus nas rodas aos proxectos que se queren implantar na cidade, paralizando Lugo”, e engadiu que foi grazas ao traballo e teima do Partido Popular que o proxecto saíu adiante. Ameijide preguntouse agora canto tempo tardará o goberno local en dispoñer dos recursos necesarios para materializar a mellora das instalacións da Protectora.

⚙ Configurar cookies
0.096575021743774