O Concello de Lugo avanza na posta en marcha do comedor escolar no Fingoi II

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, mantiveron un encontro coa directiva e representantes da ANPA do colexio Fingoi II, así como coa empresa responsábel do servizo de comedores escolares, para explicar o procedemento de posta en marcha do comedor unha vez que a Xunta de Galiza habilite os espazos necesarios.
Durante a reunión, Buide avanzou que nos vindeiros días se abrirá o prazo de matrícula co obxectivo de facilitar que se cubra o número mínimo de prazas preciso para poder iniciar o servizo canto antes e comezar a prestalo desde o momento no que a instalación estea dispoñible.
A Tenencia de Alcaldía aplicará no Fingoi II o mesmo sistema que funciona no resto dos centros educativos municipais, cunha modalidade de usuarios fixos e outra para usuarios esporádicos. O prezo do servizo será de tres euros con noventa e seis céntimos para o alumnado fixo e de cinco euros con seis céntimos para o uso puntual. Unha vez rematado o prazo de solicitude, no caso de que a demanda supere a capacidade total do comedor, as solicitudes serán baremadas seguindo os criterios habituais de prioridade establecidos no conxunto dos centros da cidade. As peticións que non obteñan praza pasarán a formar parte dunha lista de agarda, á que se recorrerá a medida que se produzan vacantes.
A concelleira de Educación aproveitou tamén para facer balance do inicio do curso nos comedores escolares, un servizo que, malia ser competencia da Xunta de Galiza, continúa a ser asumido polo Concello de Lugo. Nos primeiros meses do curso, a media diaria foi de 927 nenos e nenas usuarios do comedor escolar, mentres que o servizo de madrugadoras e madrugadores contou cunha media de 378 participantes. Este último ampliouse este ano ao CEIP Nadela, acadando xa a totalidade dos centros educativos da cidade.
Buide lembrou que o mantemento dos comedores escolares supón un custo anual superior ao medio millón de euros para as arcas municipais e reiterou a reclamación de que a Xunta asuma as súas competencias. Desde o Goberno local insistiron en que o Concello seguirá garantindo este servizo básico para que ningún neno ou nena de Lugo quede sen acceso ao comedor escolar.