O Concello de Lugo avanza no plan para mellorar a cobertura móbil en diversas parroquias

LugoXa
"Este proxecto é unha aposta clara por mellorar a vida no rural, dotando ás parroquias das condicións axeitadas para que a xente nova poida desenvolver os seus proxectos", din
mellora-da-cobertura-móbil-nas-parroquias-de-Lugo
11 Nov 2024

O Concello de Lugo, a través da Área de Cohesión Territorial, avanza no plan para mellorar a cobertura móbil en diversas parroquias do oeste do municipio.

Dentro deste plan, finalizou os traballos previos para que Amtega instale inmediatamente unha antena en San Pedro de Mera, e completou a cesión dos terreos para a colocación doutras dúas en Santa María Alta e Gondar, un proxecto que mellorará o acceso a servizos de voz e datos en nestas parroquias, así como en Poutomillos, Bacurín, Romeán, Santa Eulalia de Bóveda, Bascuas, e outros núcleos como Piñeiro, Outeiro, Camoira, Adai, Torible e Vilachá de Mera.

A edil de Cohesión Territorial, Ana González Abelleira, resaltou que “a mellora da conectividade no rural é un compromiso esencial para este Executivo, xa que queremos facilitar á veciñanza un acceso igualitario aos servizos telefonía móbil e datos”. Estas infraestruturas permitirán resolver problemas de conectividade que afectan tanto aos residentes de vivendas rústicas como aos traballadores de explotacións gandeiras e agrícolas, ofrecendo unha rede de telecomunicacións que apoie a actividade diaria.

As tres torres de telefonía móbil serán instaladas en terreos cedidos polo Concello de Lugo a custo cero, en virtude da addenda ao convenio marco subscrito en 2019 entre Amtega e Fegamp para a mellora das comunicacións móbiles no rural galego. O Concello de Lugo comprométese tamén a cubrir o exceso de financiamento das acometidas eléctricas que superen os 30.000 euros, garantindo que as instalacións dispoñan de suficiente potencia para prestar un servizo de telefonía móbil de calidade.

En San Pedro de Mera, o Concello xa completou todas as actuacións necesarias, polo que Amtega procederá á colocación inmediata da antena. En Gondar e Santa Mª Alta, os terreos están dispoñibles e listos para o inicio das obras.

"Unha aposta clara por mellorar a vida no rural"

Segundo González Abelleira, “este proxecto é unha aposta clara por mellorar a vida no rural, dotando ás parroquias das condicións axeitadas para que a xente nova poida desenvolver os seus proxectos e para que o rural se convirta nun lugar atractivo para vivir e traballar.” Ademais, resaltou que “o noso obxectivo é que ningún veciño quede sen acceso á conectividade, porque é fundamental para o benestar e o desenvolvemento económico das zonas rurais”.

Este plan de infraestruturas de telecomunicación abrangue arredor do 20 % da superficie do municipio, un espazo estratéxico para o desenvolvemento sostible do rural. A actuación tamén reforza a seguridade e o atractivo turístico en rutas como o Camiño Primitivo de Santiago, patrimonio da humanidade, que atravesa algunhas destas parroquias e que se beneficia agora dunha cobertura máis ampla e segura.

A través deste convenio, o Concello de Lugo afianza o seu compromiso por revitalizar as zonas rurais, creando as condicións para fixar poboación e facilitar a implantación de novas explotacións ou empresas no rural. Ao respecto, a responsable de Cohesión Territorial destaca que “estos avances son froito dun traballo prolongado, en colaboración con Amtega e os propios veciños, para buscar os terreos axeitados que nos permitisen facer esta instalación tan necesaria para garantir unha boa cobertura nos núcleos de poboación do oeste do noso municipio”.

Esta cooperación coas entidades galegas permite ao Concello ofrecer unha resposta á necesidade de acceso a redes de telecomunicación modernas, aliñando o proxecto co obxectivo de proporcionar servizos que melloren a calidade de vida e a cohesión territorial en Lugo.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.2016282081604