O Concello de Lugo busca alternativas para evitar a construción de edificios na contorna do río en Paradai

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, reuniuse cun grupo de trinta veciños e veciñas da zona de Paradai, así como con representantes de colectivos ecoloxistas, para abordar a preocupación xerada polo posible desenvolvemento urbanístico no polígono C deste barrio, nunha parcela de arredor de 19.000 metros cadrados situada entre a Ponte Romai e a ponte da estación.
Alí está prevista a construción de varios edificios de ata oito alturas, un proxecto que tanto o Goberno local como a veciñanza consideran incompatible co modelo de cidade que defenden.
Fernández asegurou que “desde o Goberno Local estamos na mesma liña que a veciñanza de Paradai de buscar solucións para preservar a contorna do río”, sinalando que se trata dun espazo natural privilexiado para Lugo que non debería ser alterado por unha construción de tal magnitude. “Temos claro que aí non queremos un edificio de oito alturas; non é o noso modelo de cidade”, afirmou.
Ante as propostas dos asistentes para frear o proxecto, o rexedor insistiu na importancia de actuar con prudencia e rigor, á espera dos informes técnicos preceptivos que deben emitir a Xunta de Galicia, a través do Estudo de Impacto Ambiental, e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Segundo explicou, “se non se paralizan en base a esas conclusións, pasaremos á seguinte fase, que sería a negociación cos distintos propietarios, ou a unha última opción, que sería a modificación puntual do Plan Xeral”.
Ao remate da xuntanza, Fernández destacou que o encontro serviu para confirmar que tanto o Executivo municipal como a cidadanía afectada comparten a preocupación polo impacto ambiental e paisaxístico do proxecto. “Todo isto vai en contra do noso modelo de cidade e temos claro que non queremos que se constrúa nesa localización. Así que, respectando a legalidade urbanística e os dereitos de edificabilidade dos propietarios, debemos buscar solucións para preservar ese entorno”, concluíu.