O Concello de Lugo cambiará a RPT para que os traballadores da Escola de Música poidan adquirir o nivel C1

LugoXa
“A execución destas actuacións permitirá acadar a nova clasificación dos actuais postos de traballo, tendo en conta a titulación esixible e as funcións a realizar", explica a rexedora
alcaldesa-de-Lugo-con-Banda-Municipal-de-Música-Escola-Municipal-de-Música
26 Nov 2024

A alcaldesa de Lugo Paula Alvarellos e a edil responsable de Cultural, Maite Ferreiro, mantiveron un encontro co persoal da Banda Municipal de Música para abordar varios asuntos que conciernen ao colectivo.

Durante a xuntanza, na que tamén participaron técnicos municipais da área de Cultura e do Gabinete Xurídico, a rexedora informou a estes traballadores e traballadoras municipais de que o Executivo está a levar a cabo o cambio da Relación de Postos de Traballo do Concello para que poidan adquirir o nivel C1 mediante un proceso de concurso-oposición, modificación que será levada á Xunta de Goberno Local.

“Trátase dunha reivindicación á que finalmente os técnicos municipais lograron dar un encaixe legal. Deste xeito, aspiramos a que a Banda Municipal recupere a súa faceta como elemento dinamizador da cultura lucenses e medre tamén como unha canle fundamental para a divulgación da música a través do seu traballo pedagóxico”, sinalou Alvarellos Fondo, quen considera que a Banda é un recurso municipal estratéxico para a recuperación e posta en valor do patrimonio artístico de Lugo.

O procedemento a seguir para acadar a reclasificación dos postos de traballo e a súa correcta provisión implicará a realización dun plan de ordenación de recursos humanos circunscrito a este departamento. Deste xeito, procederase en primeiro termo á devandita modificazción da RPT, despois á provision de 19 postos de traballo a través dun procedemento de promoción interna por concurso–oposición e, finalmente, á amortización dos 19 postos actuais, ou os que fora necesario, pertencentes ao subgrupo C2.

“A execución destas actuacións permitirá acadar a nova clasificación dos actuais postos de traballo, tendo en conta a titulación esixible e as funcións a realizar e tamén a provisión destes co mantemento da actual plantilla que tería a posibilidade de acceso aos postos de traballo creados”, precisou Alvarellos.

Pola sua parte, a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, destacou a importancia desta instalación que "garante que todas as persoas poidan entrar no mundo da Música independentemente do seu poder adquisitivo", e destacou a "ampla oferta formativa" do centro.

A Escola de Música permite acceder a esta formación cunha taxa "asequible para todas as familias independentemente do poder adquisitivo, garantindo cun servizo público que todas as persoas qeu o desexen poidan acceder á formación musical", explicou Ferreiro. Ademais, a Escola conta cun Banco de Instrumentos que permite que as familias con maiores necesidades económicas, que non poden facer fronte á inversión que require un instrumento musical, poidan facilitar a iniciación das súas fillas e fillos á música.

O fondo deste Banco está formado por 2 saxos, 2 trompetas, 2 trompas, 1 trombón e 1 bombardino. A concelleira de Cultura explicou que "o fondo poderá ser ampliado no futuro, tanto mediante adquisición de instrumentos por parte do Concello como con doazóns".

Sobre o material doado, Ferreiro indicou que "sempre que se ceda material para a Escola, converterase en material de préstamo a non ser que o estado ou o interese do instrumento o fagan máis apto para a súa exposición ou conservación".

A concelleira de Cultura destacou que contar cunha Escola Municipal de Música permite manter viva "a gran cantidade e calidade da creación musical lucense". Ferreiro destacou os grupos locais como "os fíos conductores da programación cultural da cidade" con ciclos como o Muralleando, formado íntegramente por grupos de Lugo ou o San Froilán, "que conta cada ano con preto dun cento de músicos e grupos locais nos principais escenarios e nas rúas".

0.17165493965149