O Concello de Lugo celebra o Día internacional da Muller Rural cun faladoiro aberto de experiencias

LugoXa
O Concello de Lugo organiza un faladoiro aberto de experiencias para conmemorar o Día Internaciona da Muller Rural
Foto Muller Rural (1)
15 Out 2022

O Goberno de Lara Méndez conmemora o Día Internacional da Muller Rural cun faladoiro aberto de experiencias. Farao a través da Concellería de Muller e Igualdade, que dirixe Silvia Alonso, coa finalidade de crear un espazo no que se tome conciencia da importancia vital do traballo das mulleres no medio rural e do seu papel de unión coa cidade.

Tal e como anunciou a Concelleira, o faladoiro terá lugar hoxe, 15 de outubro, na rúa Quiroga Ballesteros, dende as 10.30 horas. En caso de choiva trasladarase ao soto da Praza de Abastos. Trátase, segundo Silvia Alonso, dunha actividade co obxectivo de “empoderar á muller rural, poñer de manifesto as opcións de vida da muller no mundo rural e coñecer e poñer foco sobre a igualdade de xénero no medio rural”.

O encontro, baixo o nome “Mulleres Rurais, unión do campo e a cidade”, que moderará a presidenta da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (FADEMUR), Verónica Marcos, e no que participarán asociacións de mulleres rurais de Lugo e diversas praceiras que poñen á súa venda os productos da hora todos os martes e os venres no soto da Praza de Abastos; permitirá analizar os aspectos que teñen en común todas as mulleres, así como intercambiar experiencias e diversos proxectos levados a cabo.

A edil, asegura que “con esta xornada tratamos de xerar e fortalecer redes de persoas activas co obxectivo de visualizar que no rural tamén se poden facer grandes proxectos” ao tempo que convidou a toda a veciñanza a sumarse a este faladoiro, de balde e aberto a todos os públicos, que rematará cunha actuación musical de CLAUSTRO MÚSICA, que interpretará boleros e habaneiras, e un aperitivo.

A Organización de Nacións Unidas (ONU) estableceu o 15 de outubro como o día Internacional das Mulleres Rurais nunha asamblea celebrada en decembro do 2007, co obxectivo de recoñecer o seu papel decisivo nos cambios económicos, sociais e ambientais, visibilizando á muller rural e a súa contribución no desenvolvemento rural e agrícola, na erradicación da pobreza e na mellora na seguridade alimenticia.

Segundo a propia ONU, as mulleres rurais representan a nivel mundial entre o 40% e o 50% da man de obra que cultiva, recolle, prepara e distribúe os alimentos.

0.075482130050659