O Concello de Lugo celebra o Día Internacional do Orgullo 2025 cunha gran programación

LugoXa
Durante sete días, todas as entradas da Muralla e a contorna da Mosqueira amosarán carteis con testemuños de persoas que viven, viviron ou naceron en Lugo
Orgullo-Lugo-2025
25 Jun 2025

O Concello de Lugo celebra o Día Internacional do Orgullo 2025 cunha programación que aposta pola introspección, o recordo e a festa compartida.

A iniciativa ‘Lugo sen Armarios’, promovida pola Concellería de Muller, Igualdade e Inclusión, presenta este ano unha reinterpretación simbólica da Muralla Romana no seu 25 aniversario como Patrimonio da Humanidade: converter este emblemático monumento da cidade nun gran armario común que se abre á diversidade e á liberdade.

Durante sete días, todas as entradas da Muralla e a contorna da Mosqueira amosarán carteis con mensaxes alentadoras e códigos QR que darán acceso a vídeos con testemuños de persoas que viven, viviron ou naceron en Lugo. Grazas ás súas experiencias, a cidadanía poderá coñecer distintas realidades relacionadas coa orientación sexual e a identidade de xénero, e reflexionar sobre os obstáculos que aínda existen para vivir coa máxima liberdade.

“Reivindicar unha igualdade verdadeira pasa por lembrar, educar e celebrar”, explicou a concelleira Ángeles Novo. “E facelo tamén desde o que nos caracteriza como cidade: a nosa Muralla. Un símbolo que no seu día serviu para separar ou controlar, e que agora queremos que represente apertura e respecto”.

A campaña incluirá tamén un vídeo oficial no que a concelleira detallará o significado desta proposta, cunha mensaxe próxima e comprometida coa realidade lucense.

MÁIS ACTIVIDADES

Dentro da programación, o venres 27 de xuño ás 18:00 horas celebrarase un coloquio sobre a homofobia, bifobia e transfobia no Vello Cárcere. Este espazo de memoria acollerá o testemuño de varias persoas do colectivo que compartirán situacións de odio e discriminación experimentadas en primeira persoa, nun acto de valentía e xenerosidade que pretende sensibilizar á sociedade. Participarán Francis Naranjo e Marcos Fernández, do colectivo ALAS; Juan Rodríguez Gude, director provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social; o bailarín e activista Juan Carlos Zahera; e a activista trans Laura Bugalho.

A concelleira Ángeles Novo destacou que “este coloquio é unha invitación á reflexión común, porque loitar contra a LGTBIfobia esixe compromiso político, social e espazos onde as vivencias persoais promovan a empatía e a conciencia crítica”.

Pola súa parte, o sábado 28 de xuño, a rúa Bispo Basulto converterase no centro da celebración, cun programa musical durante todo o día. A xornada arrancará ás 13:30 coa sesión de DJ Ello, seguirá ás 17:00 coas actuacións de Afroditta e Señora Paca, e pechará á noite coa música de Marcos Peón.

Desde a Concellería de Muller, Igualdade e Inclusión Social resaltan que o Orgullo “non é só unha festa, senón unha reivindicación”. A programación deste ano quere recoñecer a diversidade como un elemento fundamental da identidade de Lugo, visibilizar as loitas que aínda quedan e garantir que todas as persoas poidan vivir libremente e con orgullo, independentemente da súa orientación ou identidade.

⚙ Configurar cookies
0.1690719127655