O Concello de Lugo celebrou unha Xunta de Goberno extraordinaria co fin de executar a sentenza do 010

LugoXa
El ayuntamiento de Lugo viene de celebrar una Xunta de Goberno Extraordinaria para abordar la situación de las trabajadoras del 010.
dia poesia sarria3
31 Mar 2022

O Concello de Lugo vén de celebrar esta mañá unha Xunta de Goberno Extraordinaria para abordar a situación das traballadoras do 010 co obxectivo de executar a sentenza, xa firme, ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia este mes e que recoñece o seu dereito a ser admitidas como persoal laboral indefinido da Administración local.

Deste xeito, o Executivo acordou a súa incorporación, acatando así o ditame mais, a continuación, procedeu a aprobar o seu posterior despido, seguindo as pautas recomendadas por diferentes informes técnicos, en prol de garantir que o servizo de atención telefónica poida prestarse axeitadamente á cidadanía.

A tenenta de alcaldesa e responsable de Recursos Humanos, Paula Alvarellos, quixo, en primeiro lugar, “agradecer e enxalzar o labor desenvolvido por estas catro empregadas, comprometidas co seu cometido e o valor da excelente función que viñan desempeñando como interlocutoras da Institución coa cidadanía de Lugo”. Pero sostivo que, “na decisión entre o que se quere facer, a continuidade destas traballadores, e o que podemos facer como Administración debe imperar sempre a garantía xurídica, os valores da función pública e o interese xeral”.

A edil explicou a argumentación na que foi substentada a decisión, en tanto “incorporar nestes momentos a estas catro persoas, sen praza contemplada na Relación de Postos de Traballo, as mantería sen funcións, xa que non é posible adscribilas a postos vacantes porque non existen postos de teleoperadoras semellantes que estean baleiros”.

“Habería que artellar, por tanto, unha modificación da RPT e asignar os seus postos a outros departamentos, mantendo a súa función como teleoperadoras, e mentres habería que descontar a partida de 85.000 euros á que ascenden conxuntamente os seus salarios da consignada para prestar o servizo de atención telefónica, cuxo orzamento anual é de 93.000 €, o que minguaría, e case impediría, a funcionalidade do 010”, referiu a concelleira.

Alvarellos Fondo asegurou, así mesmo, que o Concello está a avanzar na preparación dos pregos dun novo procedemento para sacar a licitación o 010 despois de analizar os custos que suporía asumilo con recursos propios.

“Falamos de que o primeiro ano habería que investir preto de 550.000 euros, 320.000 en equipamento tecnolóxico, que ademais habería que ir modernizando cada certo tempo, para o que non temos capacidade, e o resto, nos salarios das 10 persoas que se necesitarían para dar un servizo en óptimas condicións, de luns a sábado, como o actual”, sostivo. Durante os anos seguintes, só os custos salariais e de mantemento das plataformas implicarían un gasto de 250.000 € anuais fronte aos 93.954 € actuais, o que supón case un 166% máis.

“Compre engadir a necesidade de incorporar, tamén a través da RPT, as outras 6 prazas restantes (a maiores das 4 que recoñece a sentenza do TSXG), descontándoas do total das 22 previstas na OEP deste ano, para o que tamén sería preciso contar co beneplácito da Mesa Xeral de Negociación. O desenvolvemento desta Oferta Pública tardaría un mínimo de ano e medio en executarse, o que significaría non poder poñer en marcha o 010 até ese momento.

“Se trata, por tanto, de condicionantes temporais e económicos e non podemos esquecer tampouco o momento no que estamos, en plena recuperación dunha pandemia e inmersos nunha situación bélica que aínda que nos poida resultar distante tampouco nos é allea”, subliñou a tenente de alcaldesa.

Alvarellos Fondo aludiu ás restricións que as leis estatais impoñen aínda aos Concellos en materia de incorporación de efectivos e que “nos obrigan a fundamentar cada unha das contratacións que levamos a cabo. Porque non podemos engadir unhas a outras, senón que temos que substituílas”.

“Xestionar con responsabilidade significa establecer unha escala de prioridades que, neste intre, e debido á situación económica e social que provocou a Covid e ao escenario internacional, pasa por focalizar os esforzos municipais en tres liñas de actuación: o impulso á economía local, a xestión dos Fondos Europeos a través dos que chegarán importantes axudas en materia de vivenda e eficiencia enerxética, e a atención a Emerxencia Social. De maneira que debemos fornecer áreas como Urbanismo e as vinculadas cos Servizos Sociais e a dinamización económica que nos permitan, nun caso, avanzar na tramitación dilixente das liñas de subvencións que se habiliten e, no outro, ter a suficiente capacidade para dar cobertura aos colectivos máis vulnerables cuxa situación se viu agravada pola crise sanitaria”, sostivo a concelleira.

“Motivos de suficiente peso como para orientar a incorporación inmediata de efectivos a aqueles departamentos que se vén saturados por ese exceso de carga de traballo e que supeditan outro tipo de contratacións”, concluíu Paula Alvarellos.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.21038699150085