O Concello de Lugo clausura o curso de Animación Sociocultural cunha exposición de pintura

O Concello de Lugo pon o broche final á programación de Animación Sociocultural do curso 2024/25 cunha exposición artística que recolle os traballos realizados no Obradoiro de Pintura do Centro de Convivencia de Lamas de Prado. A mostra poderá visitarse de balde ata o venres 30 de maio, en horario de 9:00 a 13:00 horas, no centro situado na rúa Poeta Aquilino Iglesias, 20.
Esta actividade enmárcase no amplo programa deseñado pola Concellería de Benestar Social e Maiores, que durante este curso ofertou 1.670 prazas nunha trintena de actividades distribuídas por dez centros de convivencia municipais. A programación, posta en marcha polo executivo municipal, incrementou a súa cobertura territorial con respecto a edicións anteriores, estendéndose a novos espazos como os centros de Paco Martín, Díaz Castro e Leiras Pulpeiro.
A concelleira Olga López Racamonde destacou a boa acollida deste programa, que tivo como obxectivo central promover o envellecemento activo, a integración social e a participación interxeracional: "Desde o Goberno local mantemos o noso firme compromiso coa veciñanza de Lugo para que poida gozar dunha vida activa, plena e saudable. Actividades como esta exposición reflicten o espírito do noso modelo de convivencia e participación cidadá”, subliñou.
O curso 2024/25 incluiu obradoiros de memoria, formación en novas tecnoloxías, clases de baile e ximnasia, así como cursos de pintura, alimentación saudable e cociña multicultural. Especial atención recibiu a integración de colectivos vulnerables, reservándose prazas para persoas con capacidades diferentes e ofertándose actividades específicas para persoas inmigrantes e para a infancia.
A mostra de pintura representa non só a culminación do proceso creativo do alumnado do obradoiro, senón tamén un espazo de encontro e recoñecemento colectivo. "É unha oportunidade para visibilizar o talento das persoas participantes e para compartir cos veciños e veciñas o valor do esforzo, da aprendizaxe e da expresión artística”, apuntou a concelleira.
A exposición estará aberta ao público ata o venres 30 de maio. O Concello anima á cidadanía a achegarse para coñecer de preto os froitos desta actividade, que simboliza o espírito comunitario que define a programación sociocultural municipal.