O Concello de Lugo colaborou con 6 proxectos de cooperación internacional
O Concello de Lugo colaborou en 2021 con 6 proxectos de cooperación internacional aos que a área de Benestar apoiou con máis de 70.000 euros.
As actuacións, que beneficiaron a comunidades de República Dominicana, Guatemala, Bolivia, India e Honduras, tiñan por obxecto mellorar as condicións de vida da súa poboación e supuxeron tamén a creación de vivendas, dotacións educativas, comunitarias e sanitarias. Iniciativas coas que o Concello de Lugo contribuíu a impulsar a dinamización económica nestas rexións, xerando oportunidades laborais, e mantendo o empoderamento feminino como eixo común de todas as accións.
Así, a propia rexedora salientou que entre os proxectos que se puideron materializar co apoio lucense destaca a reactivación das economías familiares, lideradas por mulleres, como resposta á situación de pobreza que acentuou a Covid -19 en Sacaba, Cochabamba, Bolivia.
Neste caso, ofreceuse apoio a 100 mulleres (e a 247 nenas e 203 nenos) en situación de saída de contextos de violencia de xénero, recentemente convertidas en cabeza de familia monoparental, potenciando as súas habilidades e competencias no desempeño dalgunha actividade económica, dotándoas de recursos para o autoemprego a través de micro emprendementos e facilitándolles formación técnica, habilidades de xestión, capital semente e o acompañamento necesario para establecer un negocio. De maneira que, ademais, constituíuse unha asociación de mulleres ‘pequenas empresarias’ a través da que se fixeron achegas innovadoras e se facilitou un acceso ao mercado laboral dende a legalidade, apoiándoas tamén na xestión das súas responsabilidades tributarias.
Tamén se colaborou coa construción da segunda planta do Centro Comunitario de Formación Integral en Bolivia, dende o que se pulou polo empoderamento económico de mulleres indíxenas quechuas migrantes e as súas familias en 3 barrios marxinais suburbanos de Cochabamba.
O obxectivo era eliminar a inequidade nas relacións entre homes e mulleres para corrixir as formas de marxinación que o machismo ocasiona a nivel familiar e social, diminuíndo as oportunidades de traballo remunerado, estable e digno e xerando un acceso insuficiente á educación formal que limita o desenvolvemento das capacidades femininas e da súa socialización, sendo conscientes de que dispoñer de ingresos e exercitar os seus dereitos resulta fundamental para o desenvolvemento das rexións ás que pertencen.
Así mesmo, durante o pasado exercicio o Concello de Lugo destinou fondos para adquirir e instalar un sistema fotovoltaico de enerxía eléctrica e dunha bomba de auga cuxa colocación, no Centro Comunitario de Saúde de Guayabillas, fortaleceu as capacidades para garantir a subministración e funcionamento do Servizo de Atención Primaria e Saúde en 5 comunidades indíxenas de Ch’orti’ da Rexión VII de Jocotán, Chiquimula, en Guatemala.
Outra das actuacións desenvolvidas posibilitou o acceso ao dereito a unha vivenda digna e ao saneamento para 41 familias rurais desfavorecidas dende unha perspectiva de xénero, no distrito de Anantapur, na India, mellorando os niveis de concienciación e coñecemento sobre o dereito ao saneamento e sobre as implicacións da defecación ao aire libre, formando á poboación en xeral nas boas prácticas de hixiene, na xestión doméstica da auga e no uso e mantemento das instalacións de saneamento.
A formación, ferramenta imprescindible de futuro
A formación é un dos piares nos que se substenta o traballo que as Organizacións Non Gubernamentais desenvolven nestes países.
Precisamente, o acceso á educación e o aprendizaxe foron a base de dous dos proxectos executados durante o pasado exercicio en Honduras e na República Dominicana.
Por unha banda o Concello cooperou na construción dun aula na escola “Santa María” localizada na colonia Guzman, na zona Nueva Capital, na periferia de Tegucigalpa. Unha das zonas máis marxinais do país onde esta escola complementa unha rede realizada hai 23 anos na que se asentaron as persoas damnificadas polo furacán Mitch (1998). A poboación desprazouse fuxindo da extrema pobreza rural e da violencia urbana, mais actualmente o 30% dela sofre aínda problemas de escolarización e un 70% se atopa en risco de desnutrición. De xeito que a creación desta infraestrutura, que presta un servizo totalmente gratuíto, supuxo tamén a entrega do uniforme escolar, de material e de xantar diario.
Por outro lado, actuouse tamén sobre as condicións de vida da poboación campesiña de tres municipios das provincias de Azua e San Juan (municipio de Padre Las Casas, Las Yayas e Bohechío), en República Dominicana, consolidando a súa seguridade alimentaria mediante a implementación dun sistema produtivo agroecolóxico.
A iniciativa consistiu na capacitación de 31 persoas - 19 mulleres (61%) e 12 homes - e na creación de 92 parcelas agroforestais nas que se plantaron árbores froiteiros, café, cacao e, en 59 delas, se instalaron tamén hortos con cultivos incluídos. De maneira que se formou a familias campesiñas no manexo e crianza de animais e na xestión de granxas respectuosas co medio ambiente. Ademais, moitas delas recibiron galiñas poñedoras, galos, ovellas e vacas e se lles ensinaron prácticas de control natural, ecolóxico e de parasitos e enfermidades.
A participación das mulleres en todos estes proxectos superou as metas establecidas, xerando un impacto positivo nas familias, nas comunidades e na mentalidade e cultura da poboación de todas estas zonas, especialmente na das organizacións campesiñas mencionadas, onde quedaron fortalecidas no seu liderado e máis empoderadas na súa misión social até o punto de que xa elaboraron propostas e participaron en diferentes actividades de incidencia social encamiñadas a que as políticas públicas garantan a seguridade alimentaria, o dereito á terra e á auga e a que procuren aqueles bens e servizos que melloren a súa calidade de vida e sempre cun enfoque de xénero.
Alén destas seis iniciativas,a Institución local destinou 10.000 euros máis a proxectos de sensibilización social relacionados co desenvolvemento, os dereitos fundamentais e mesmo o comercio xusto. Un balance do que se deu conta o pasado mes de novembro no Encontro Estatal de Gobernos Locais e Cooperación ao Desenvolvemento, ao que o Concello foi convidado polo seu compromiso permanente con intervencións de calado solidario.
Un apoio que tamén se manterá este ano cunha nova convocatoria de subvencións cuxas bases serán aprobadas en Xunta de Goberno e entre as que figuran senllas partidas polos mesmos importes (70.000 € e 10.000 €) cos que se pretende dar continuidade ao labor realizado até o momento.