O Concello de Lugo concorrerá a fondos europeos para modernizar a xestión da auga

LugoXa
O Goberno de Lara Méndez aprobará este mércores en Xunta de Goberno a participación do Concello de Lugo nunha nova convocatoria das axudas ao PERTE da auga.
12 Dec 2023

O Goberno de Lara Méndez aprobará este mércores en Xunta de Goberno a participación do Concello de Lugo nunha nova convocatoria das axudas ao PERTE da auga. A Administración local concorrerá cun proxecto denominado Aquavanza co que se pretende alcanzar unha redución do consumo medio de enerxía anual de, polo menos, un 10%, o que repercutirá, alén, no impacto ambiental da prestación.

“A nosa vontade é mellorar a eficiencia da xestión do ciclo da auga co dobre obxectivo de aproveitar máis os recursos hídricos e municipais, garantindo a subministración cun menor número de incidencias e en mellores condicións ao tempo que se abarata o servizo”, sinalou a alcaldesa. Méndez avanzou que, ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia dos Next Generation, se aspira a acadar un financiamento de 4.000.0000 € que suporá o 45’26% do importe total do programa, concretamente, 8.837.142 €.

“Trátase da achega máxima establecida nas bases desta segunda convocatoria para os concellos de entre 50.000 e 100.00 habitantes, á que nos presentamos logo de que no anterior proceso só se outorgara subvención ás actuacións de maior ámbito territorial que o municipal”.

A rexedora lembrou que, a través do Plan de Acción Local – Lugo Cidade Verde, dentro da Axenda Urbana 2030, o Concello pretende elaborar un plan de sustentabilidade e eficiencia do uso dos recursos hídricos do municipio no que se terán en conta as fases de depuración, reutilización e distribución da auga para reducir perdas, fomentar usos eficientes do rego, incentivar a recollida de pluviais nos edificios e diminuír o consumo e o gasto enerxético.

Dixitalización do ciclo da auga

“Ademais queremos modernizar e impulsar a dixitalización do ciclo completo da auga e reforzar os programas de seguimento e control das verteduras, facendo fincapé tamén na sensibilización sobre o seu uso sostible a través dun Plan de Concienciación”, engadiu.

Así, é importante destacar que todas as intervencións deseñadas contribuirán a lograr unha redución de consumo medio de enerxía anual de, como mínimo, un 10%. Aforros que se lograrán, entre outras medidas, coa dixitalización de gran parte da rede de abastecemento para que posibilite detectar os puntos nos que hai usos anómalos.

“En resumo, este programa centrarase na redución da auga non rexistrada como base da mellora da eficiencia enerxética, evitando fugas e perdas ao longo de todo o ciclo, mellorando a regulación das presións o que redundará nun menor número de roturas e de cortes de subministración e na detección temperá das avarías, minorando as situacións de fraude e, ao mesmo tempo, optimizando os investimentos baixo criterios de sustentabilidade social e ambiental”, incidiu a alcaldesa.

A mandataria lucense mencionou, igualmente, outros ítems que se alcanzarán co proxecto como a redución de riscos hidrolóxicos, de inundacións, secas etc, rebaixando a sobrexplotación dos acuíferos do municipio e impedindo a degradación do medio ambiente.

Actuacións incluídas no proxecto

Por unha banda, existen actuacións destinadas a elaboración e/ou actualización de estratexias, plans e proxectos construtivos ou estudos que promovan a mellora da eficiencia do ciclo urbano da auga.

Pola outra, intervencións específicas de mellora de eficiencia e da dixitalización do ciclo urbano da auga relacionadas coa captación, os sistemas de abastecemento, saneamento e depuración e en puntos de vertedura de augas residuais. Finalmente, para a mellora de plataformas ou sistemas de información e ferramentas dixitais co obxectivo de previr as perdas de auga e mellorar a xestión das infraestruturas de tratamento, etc.

“En total foron planificadas unha ducia de accións, entre elas a implantación de sistemas GIS de Información Xeográfica, a renovación dos contadores ou a posta en marcha dun proxecto piloto de depuración modular para o rural como solución ao saneamento dos núcleos, cuxa implantación cronolóxica comprende, no seu conxunto, un horizonte de tres anos, atendendo a obriga de que todas estean rematadas a 30 de xuño de 2026”, concluíu.

0.18612694740295