O Concello de Lugo conmemorará o 25 de abril, Día da Revolución dos Caraveis

O Concello de Lugo conmemorará o 25 de abril, Día da Revolución dos Caraveis, cun canto popular aberto da canción Grândola, Vila Morena, o venres 25 de abril ás 19:30 horas na Mosqueira.
“A cidadanía lucense está convidada a participar nesta homenaxe colectiva, que estará dirixida polos propios Bruno Villamor e Fernando Gómez Jácome, referentes no ámbito coral da cidade”, explicou a concelleira de Cultura de Lugo, Maite Ferreiro.
Pola súa parte, Rubén Arroxo indicou que a celebración, conducida polo xornalista Félix Jorquera, “incluirá o reparto de caraveis vermellos, símbolo da revolución portuguesa, así como copias da letra da canción, co obxectivo de favorecer a participación activa de todas as persoas asistentes”.
Maite Ferreiro destacou o valor simbólico e emocional do evento: “Queremos que Lugo celebre o 25 de abril como se fixo tradicionalmente: na rúa, cantando e reivindicando a liberdade. Grândola, Vila Morena representa o espírito da revolución pacífica e, ao mesmo tempo, é unha chamada á unidade e á esperanza”.
Este tipo de actos, insistiu o tenente alcalde, “permiten reforzar o compromiso do Concello de Lugo cos valores democráticos, coa memoria histórica e coa cultura popular, nun momento de unión e participación cidadá que queremos compartir con toda a veciñanza”.
Con este acto, a Tenencia de Alcaldía lembra o 25 de abril como unha data simbólica na loita pola liberdade e os dereitos fundamentais, promovendo a memoria histórica mediante a acción cultural colectiva.