O Concello de Lugo continúa avanzando na mellora das infraestruturas viarias do municipio
O Concello de Lugo, a través da área de Cohesión Territorial, continúa avanzando na mellora das infraestruturas viarias do municipio. Este setembro, no marco do Plan Único de Cooperación da Deputación de Lugo 2024, levarase a cabo unha importante actuación que mellorará o firme na vía que comunica Camiño do Souto coa Garaballa de Abaixo.
A intervención, en proceso de licitación e orzamentada en máis de 22.800 euros, permitirá mellorar a seguridade e a accesibilidade dunha das principais vías de comunicación desta zona periurbana. Esta actuación forma parte dun plan integral que o Goberno local impulsa para mellorar o estado das estradas e camiños dos núcleos de poboación, coa finalidade de garantir unha conectividade axeitada e responder ás demandas da veciñanza.
A rexedora de Lugo, Paula Alvarellos, destacou que "esta obra na Garaballa de Abaixo reflicte o noso compromiso por dotar ás zonas rurais e periurbanas de infraestruturas de calidade, que non só melloren a seguridade viaria senón que tamén favorezan o asentamento de poboación e o desenvolvemento socioeconómico destas áreas".
A alcaldesa salientou a importancia de actuar de forma efectiva en múltiples localizacións grazas ao acceso a diferentes mecanismos orzamentarios, e sinalou que "o proceso de licitación desta obra marca o primeiro paso para facer realidade unha mellora demandada polas veciñas e veciños".
Ademais, coa utilización dos remanentes do Plan Único 2023, levaranse a cabo outras obras de mellora do firme en diversas estradas municipais. Estes proxectos inclúen traballos de conservación que permitirán mellorar o estado de camiños en parroquias que precisan de intervencións urxentes, asegurando que as vías se atopen en condicións óptimas para a circulación e o benestar da cidadanía.
Unha aposta pola mellora das infraestruturas rurais
A concelleira de Cohesión Territorial, Ana González Abelleira, subliñou que "a aposta do Concello pola mellora continua das infraestruturas rurais é unha prioridade do noso mandato".
Segundo indicou, a intervención en Garaballa de Abaixo é só unha das moitas actuacións previstas dentro do Plan Único de Cooperación, cuxo obxectivo é dotar ás zonas rurais e periurbanas de Lugo de vías seguras e accesibles que melloren a calidade de vida dos seus habitantes.
O importe total das actuacións enmarcadas no Plan Único 2024 e nos remanentes do 2023 ascende a máis de 450.000 euros, un investimento significativo que permitirá mellorar distintas infraestruturas viarias no municipio de Lugo.