O Concello de Lugo conxela as taxas pero as adaptará á nova normativa

LugoXa
A Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto de revisión das Ordenanzas municipais para o 2024.
cartos impostos billetes pago comercio
21 Sep 2023

A Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto de revisión das Ordenanzas municipais para o 2024. Un trámite que, segundo o concelleiro de Economía e Recursos Humanos, Pablo Permuy, obedece á vontade de elevalas ao Pleno deste mesmo mes de setembro para que poidan entrar en vigor co inicio do próximo exercicio.

O edil explicou que, en total, se modificarán 7 Ordenanzas, “co principal obxectivo de actualizar os textos para adaptar a operativa municipal á normativa vixente e clarificar a súa redacción para que resulten máis comprensibles”.

Permuy Villanueva indicou primeiramente que, un ano máis, o Executivo de Lara Méndez aposta por que as diferentes taxas e impostos manteñan as súas contías. “Trátase de favorecer a recuperación das economías domésticas nun momento moi complexo no que as familias e pemes continúan a resentirse polo incremento da inflación. De xeito que, un exercicio máis, os tributos permanecerán conxelados por determinación da rexedora, en prol da protección social da cidadanía”.

A continuación, o responsable da área económica debullou os cambios máis significativos que se abordaron neste proceso.

Por unha banda, no Imposto de Bens Inmobles pasan a especificarse os prazos de entrega da documentación que deben achegar os centros educativos concertados que soliciten a súa exención tanto para estes inmobles como para as instalacións asociadas que, directa ou indirectamente, se destinan en exclusiva a actividades docentes.

E se flexibilizan os requisitos técnicos que deberán cumprir os sistemas de aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía proveniente do sol instalados nos inmobles, á hora de obter a bonificación do 50% durante 3 anos no IBI, en congruencia coa normativa vixente en materia de eficiencia enerxética das construcións.

“É dicir, ao mesmo tempo que evitamos sobrecargar á poboación a aos negocios nun momento no que aínda persiste certa incerteza social e financeira, procuramos favorecer e fomentar a sostibilidade, tamén a título particular, alentando á utilización das enerxías renovables, dentro dese modelo de municipio verde e sostible que nos sitúa como referente da loita contra o cambio climático”, sinalou Pablo Permuy.

Igualmente, o edil referiu que tamén no Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica se clarifica a data na que se ten que cumprir o requisito, xa existente con anterioridade, de estar ao corrente de pago no imposto, que será a data de solicitude, especificando que se o recibo se atopara nesta data en período de cobro en voluntaria, deberá efectuarse o pago nese mesmo prazo de cobro en voluntaria.

Modifícase, asemade, a Ordenanza que regula a prestación do Servizo da Rede de Sumidoiros, Saneamento e Depuración de Augas para que teña aplicación, en concreto tamén na taxa da rede de sumidoiros, a estimación do consumo cando non sexa posible realizar a lectura real do contador.

Por outro lado, se introducen cambios na que rexe a Escola Municipal de Música, en tanto se actualiza a regulación, no prezo público, da operativa para a tramitación dos beneficios fiscais, se amplían os documentos acreditativos de titularidade bancaria que permiten a domiciliación de recibos e se establecen descontos para cando, por causas non imputables ao alumnado, non se poden impartir as clases, ao tempo que se amplían os límites das datas para cursar baixa no segundo e terceiro trimestre, pasando do 15 de xaneiro ao 15 de febreiro e do 1 de abril ao 15 de maio, respectivamente.

Xa en canto á Plusvalía, Permuy Villanueva relatou que se actualizan os coeficientes máximos de aplicación sobre o valor dos terreos no momento da devindicación, para axustalos aos permitidos pola normativa estatal, cunha oscilación media entre o 0’01 e 0’02 con respecto aos actuais, que nalgúns casos se aplican a alza pero noutros resultan á baixa, especialmente a partir dun período de xeración por riba dos 15 anos.

Así mesmo, outras dúas Ordenanzas se revisarán neste 2023.

Son a Taxa pola Prestación de Servizos Urbanísticos, cuxo texto se axustará á normativa urbanística actual pola cal as licenzas de primeira ocupación pasan a considerarse comunicacións previas; se corrixe a redacción para que non suscite confusión a entrega de nova documentación antes ou despois da resolución do expediente nas comunicacións ou declaracións responsables, e se suprimen da Ordenanza fiscal todos aqueles aspectos que non son estritamente tributarios e que agora pasan a contemplarse na nova da Ordenanza da Tramitación dos Títulos Habilitantes de Natureza Urbanística e das Actividades.

E, por último, a Ordenanza Fiscal Xeral na que os cambios establecidos teñen por finalidade mellorar á operativa de xestión recadatoria do Concello incluíndo a regulación dun sistema de pago para as débedas pendentes en vía executiva dando maiores facilidades ás e aos contribuíntes para que procedan ao seu abono.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18845510482788