O Concello de Lugo crea o club de produto ‘Enogastronomía de Lugo’ para promover o turismo sostible

O Concello de Lugo puxo en marcha a creación do club de produto “Enogastronomía de Lugo”, unha nova iniciativa que ten como obxectivo reforzar a identidade culinaria da cidade e promover un modelo de turismo máis sostible e ligado aos produtos locais.
A proposta, incluída no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) “...Et Edendo, Lucus”, vén de ser adxudicada á empresa AVIVAE Soluciones Estratégicas, S.L. por un importe de 73.465,25 euros. O contrato estará vixente ata o 15 de maio de 2026 e está financiado a través dos fondos NextGenerationEU do Goberno de España.
O alcalde, Miguel Fernández, explicou que o proxecto “busca estruturar, profesionalizar e promocionar experiencias arredor da nosa gastronomía e dos produtos locais, integrando tamén o patrimonio histórico e cultural como un valor engadido”.
Destacou, ademais, que esta proposta servirá para situar a Lugo no mapa do turismo gastronómico tanto a nivel estatal como internacional, creando rutas e actividades baseadas nas distintas épocas da cidade, desde a Lugo romana ata as propostas actuais máis vangardistas.
O Club de Produto tamén permitirá a incorporación da cidade á rede Saborea España, a principal plataforma estatal de turismo gastronómico, o que ofrecerá novas oportunidades para a promoción conxunta e a visibilidade dos establecementos locais.
Entre os seus obxectivos inclúese a creación dunha marca propia de calidade enogastronómica, a formación e adhesión de establecementos ao club, o deseño de experiencias turísticas arredor da gastronomía e a elaboración de materiais e campañas promocionais innovadoras.
Fernández insistiu en que se trata dun proxecto colaborativo no que se pretende implicar ao sector hostaleiro, aos produtores, guías, historiadores e demais axentes locais vinculados á gastronomía: “Esta iniciativa non é só do Concello. É unha invitación a sumar esforzos para mellorar a calidade, innovar e proxectar o mellor de Lugo cara ao exterior”.
O proxecto insírese no Eixe 4 do PSTD, centrado na competitividade turística, e forma parte da estratexia municipal para reducir a estacionalidade do turismo, dinamizar o tecido empresarial e crear novas oportunidades de emprego. “O impulso do turismo en Lugo pasa por aliñar tradición, innovación e sustentabilidade. Este club será unha ferramenta estratéxica para facelo posible”, concluíu o alcalde.